Resultados en directo /// Recordatorio: no relativo á tramitación de licenzas enviar correo-e a xestion@atletismo.gal

A FGA suspende a súa actividade competitiva

Sería á primeira hora desta mañá cando o conselleiro de Sanidade Julio García, daba a coñecer as primeiras medidas que a Xunta de Galicia adoptará vía DOGA nas próximas horas e que restrinxirán máis as medidas de mobilidade, peches perimetrais, espazos e horarios,  afectando a toda a sociedade e por extensión á actividade deportiva e federada.

Como consecuencia, o Secretario Xeral para o Deporte José Ramón Lete, mantería unha reunión telemática con todas as federacións esta mesma tarde por espazo de dúas horas, nas que explicaría as medidas que o seu departamento vai adoptar.

A primeira delas, e a máis importante, é a de cancelar todo tipo de competición autonómica federada, polo que todas as competicións programadas para esta fin de semana en Pontevedra e Ourense veranse canceladas.

Outro tema importante tratado nesa reunión sería o dos adestramentos os cales, e segundo indicábase, poderán seguir desenvolvéndose pero cun máximo de catro deportistas e o seu adestrador,  respectando tanto a hora de queda como os peches perimetrais. Neste mesmo aspecto o presidente da FGA Isidoro Hornillos mostraría as súas dúbidas ante o mandatario autonómico en materia deportiva, sobre a interpretación da mobilidade por parte dos atletas de nivel nacional que deban desprazarse ata outros concellos. Jose Ramón Lete informaba de que a Secretaria Xeral está a traballar na elaboración dunha guía con todas aquelas casuísticas que poidan servir para despexar todas estas dúbidas.

Xunta de Goberno da FGA

Unha vez acabada esta reunión coa Xunta de Galicia convocouse á Xunta de Goberno da Federación Galega de Atletismo na cal se daba a coñocer dos aspectos tratados na mesma. Nesta segunda reunión, decidiríase agardar ata a publicación do DOGA de mañá para tomar e adoptar cantas medidas sexan necesarias.

Compartir: