Resultados –  Streaming XXXII Campionato de España Máster en Pista Cuberta

Suspéndese o VIII Circuito de Carreiras Populares da Deputación da Coruña

No día de onte a Deputación Provincial da Coruña anunciaba oficialmente a suspensión durante este ano 2020 dunha serie de eventos deportivos entre os cales se atopa o VIII Circuito de Carreiras Deputación da Coruña.

Segundo o organismo público  “Non serán organizadas por parte deste ente provincial as seguintes actividades (…) previstas para o ano 2020 co obxectivo de derivar o orzamento destas a outras áreas provinciais como servizos sociais ou contratación de persoal (complementando liñas xa existentes ou creando outras novas) e así poder axudar a paliar os problemas económicos e sociais xerados pola pandemia”

Da mesma maneira, e ante este estado de incertidume, tampouco son quen de poñer  datas de comezo sinalando ao respecto que ” Actualmente aínda existen normas estritas en canto á normalización desta práctica, descoñecendo e non podendo predicir nin a data de reinicio nin as medidas de seguridade necesarias para elo. Esta situación de incerteza en canto á organización de actividades deportivas leva a esta Deputación provincial a actuar con responsabilidade…”

Lembramos que este circuito polas súas características, pasa por ser o máis importante de todos cantos se desenvolven na nosa comunidade estando formada por un total de trinta carreiras desenvoltas a través de toda a provinza. Con esta edición do 2020, o circuito coruñés acadaría a oitava tempada, estando previsto que dera comezo o pasado día 2 de maio para rematar a finais do presente ano.

Dende a Federación Galega, destácase o sempre decidido e firme compromiso da Deputación da Coruña pola aposta deste importante evento tanto de vertebración como de dinamización e promoción do atletismo, entendendo e comprendendo as causas que derivan a súa suspensión.

Comunicado Deputación da Coruña

Compartir: