O Diario Oficial de Galicia vén de publicar o anuncio da convocatoria de axudas a deportistas galegos e galegas de alto nivel ‘Axudas DGAN 2019’ da Fundación Deporte Galego e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos deportistas galegos e galegas de alto nivel.
Tras a convocatoria de ‘Axudas DGAN 2018’ resolta o pasado mes de decembro e que acadou os 348.790 euro, a Secretaría Xeral para o Deporte, a través da FDG, segue traballando na liña de apoio aos deportistas de alto nivel para mellorar o seu rendemento deportivo e axudar na súa dedicación ao deporte de elite.
No momento actual Galicia conta con 427 deportistas de alto nivel (168 mulleres, 259 homes e 11 deportistas con discapacidade, o número máis elevado desde que se recoñecen aos deportistas galegos e galegas de alto nivel, o 2004). Ao poder solicitar axuda todos aqueles deportistas que estean ou estiveran recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma deportistas de alto nivel nalgún momento dos anos 2018 e/ou 2019 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento), o número total de deportistas candidatos ascende a 549.
A convocatoria conta nesta ocasión con seis tipos de axudas: Axuda DGAN 1, Axuda DGAN 2, Axuda DGAN 3, Axuda DGAN 4, Axuda DGAN 5 e Axuda DGAN 6, que serán asignadas segundo os resultados deportivos acadados durante o ano 2018 (non se valorarán resultados acadados en anos anteriores ou posteriores). Será a correspondente federación deportiva galega á que deba acreditar estes resultados.
As bases da convocatoria xa están dispoñibles na web do Deporte Galego e dende mañá xoves 17, na sede electrónica da Xunta de Galicia, data na que comezará o prazo de presentación de solicitudes, rematando o vindeiro mércores 30 de outubro de 2019
Importantes novidades
Para este ano as bases da convocatoria contarán con varias novidades que facilitarán o traballo de tramitación.
- Poderáse presentar a solicitude en formato papel en calquera rexistro oficial polo que se poida achegar documentación ás Administración Públicas, tal e como se indica no apartado 5 das bases.
- Deberase remitir unicamente cuberto o anexo I de Solicitude e, se fora o caso, o anexo II de Autorización de representación (menores de idade ou outros casos de representación legal).
- Non será necesario acudir á Federación Deportiva Galega correspondente para cubrir o certificado de resultados, pois o mesmo seralles solicitado directamente por parte da Fundación Deporte Galego.