Primeiro avance do calendario 2020

Avanzado o mes de outubro, coñécense as datas dos distintos Campionatos de Galicia no que ven sendo o primeiro adianto do Calendario de probas oficiais para o ano 2020.

Entre elas a pista cuberta de Ourense será o escenario principal onde aconteza a meirande parte dos campionatos galegos baixo teito desprazando a instalación coruñesa de Riazor que malia elo, será sede do Autonómico Sub18. As principais citas invernais serán nos días 23 e 29 de febreiro onde poderemos presenciar tanto o Campionato de Galicia como o Campionato de España absoluto respectivamente.

Pasamos a modalidade do campo a través, onde no mes de xaneiro desenvolveremos o XXIV Memorial Alejandro Lorenzo e o Campionato de Galicia de Relevos Mixto. Febreiro traerá consigo a cita máis importante o día 2 co absoluto individual e por clubs que se achega a súa oitenta e cinco edición. O campionato do XOGADE así como o Campionato de Galicia Máster individual e por clubs poñerán peche a esta modalidade.

No tocante ó aire libre para este ano 2020, arrincará o calendario no mes de febreiro co galego Sub18 e Sub20 de lanzamentos de inverno estando reservado o día 26 de xullo para o desenvolvemento da cita máis importante do noso calendário como é o Campionato de Galicia absoluto.

Xa por último neste primeiro avance, as probas de marcha terán a principios de febreiro o seu autonómico absoluto e a finais do 2020 o de pista ó aire libre como datas importantes.

Primeiro avance campionatos 2020

 

 

 

Compartir: