Resultados

Adrián Ben, preséntase na élite mundial

Noite máxica para o atletismo galego a vivida hoxe no Estadio Internacional Khalifa de Catar, onde na semifinal dos 800 m. o noso representante Adrián Ben lograba nada menos que o pase a final da proba non sin antes converterse no primeiro galego en baixar da barreira dos 1:45 marcando un  tempo oficial de 1:44.97. Este rexistro ademáis supón, un novo récord galego que ata hoxe estaba en posesión de Colomán Trabajo dende o ano 1984 con 1:45.15.

O noso protagonista xa viña anunciando o excelente momento de forma que traía, e proba delo foi a impecable lectura que fixo da carreira. Coñecedor das cualidades dos seus rivais, completaría os primeiros catrocentos metros ca mente posta en non afundirse debido ó forte ritmo marcada polo portoriqueño Wesly Vázquez (quen sería o gañador cun rexistro de 1:43.96) e que o levaría a completar un último treito de carreira onde amosaría toda a súa gran calidade para acadar o cuarto posto e acceder por tempos á final.

Con este impresionante debut, Adrián Ben convértese dende hoxe nunha seria realidade logo de moitos anos de duro e contínuo esforzo que o levarán a disputar a finalísima deste campionato do mundo o vindeiro día 1 de outubro.

Resultados

Compartir: