O récord galego máis antigo cumple hoxe 40 anos

Tal día como hoxe fai corenta anos, un prometedor rapaz de 23 anos becado na Residencia Joaquín Blume e chamado Isidoro Hornillos establecía durante o transcurso da Universiada de México D.F. un rexistro de 46.24 na proba dos 400 m. que representaría por algún tempo un novo récord de España e que na actualidade, oito lustros despóis, continúa sendo o vixente récord galego.

Desde entón, o atletismo experimentou un auténtico cambio a todos os nivéis no que as novas tecnoloxías, os medios materiais e humanos, os últimos avances médicos e o desenvolvemento técnico e científico, xogaron un papel determinante en toda esta evolución.

Con todo elo é fácil comprender, como as listas dos récords galegos na categoría absoluta veñen de experimentar unha importante evolución nos últimos vinte anos. Preto do 71% dos récords batidos fixéronse neste milenio, dos cales máis 72 % melloraríanse nos últimos dez anos malia que nin todos os sectores nin todas as probas evolucionaron da mesma maneira, producíndose algúns estancamentos por diversos e variados motivos.

A aparición no sector da velocidade de atletas especialistas de elite nacional nos últimos anos, faría cambiar fondamente este sector nas probas de 100 e 200 m.  Caso a parte é a proba dos 400 m. onde o último referente foron os 47.80 de Darío Vázquez quen no ano 2007 conseguiría batir o récord galego absoluto de pista cuberta.

Segundo José Carlos Tuñas, responsable do sector de velocidade e adestrador do recórdman galego dos 100 e 200 m. Mauro Triana “ A día de hoxe resulta difícil a curto prazo e incluso medio, presupoñer unha mellora neste rexistro autonómico. Vexo moi ben a Pedro Juncal que está a evolucionar moito nos últimos anos grazas en parte o bo traballo do seu adestrador Fran Rodríguez” sobre a inevitable pregunta acerca de si Mauro Triana podería ser o sucesor de Hornillos nesa lista de récords, non pecha a porta pero sinala que “ Comprendo que moitos agarden a “subida” de Mauro sobre esta distancia pero imos seguir traballando con calma sobre o 100 m. e o 200 m. durante un par de tempadas máis a lo menos”

Para o recórdman galego da distancia e actual Presidente da Federación Galega de Atletismo Isidoro Hornillos, “ Estou convencido que nalgúns anos contaremos cun algún catrocentista capaz de poder baixar dos 46. Vexo un importante potencial nos novos talentos que no día a día están xurdindo de cada un dos núcleos e sectores de adestramento onde o traballo de técnicos na parcela formativa e de clubs na operativa, entre outros aspectos, está sendo determinante.” 

Angeles Barreiro, a primeira lanzadora olímpica.

Na categoría feminina a distinción de figurar na lista de récords con máis anos, correspóndelle a Angeles Barreiro, icono dos lanzamentos femininos galegos, quen na década media dos 80 e 90 dominaría o sector do disco. Entre o seu haber constan as dazanove medallas de campionatos de España (once ouros, cinco pratas e tres bronces), a súa participación nos XXOO de Barcelona-92 e o seu récord galego (que o sería por moitos anos de España) con 60.56 m conseguido en Ferrol o 16 de xuño de 1994. Este rexistro a día de hoxe, estaría ocupando o primeiro lugar do ranking nacional a máis de cinco metros de distancia da navarra June Kintana quen con 55.72 m. encabeza actualmente o mesmo.

“Na actualidade resulta moi difícil supoñer a mellora deste récord a medio-longo prazo” así de taxante é Raimundo Fernández responsable do sector de lanzamentos e adestrador no seu día de Angeles Barreiro. “Si ben é certo que contamos con certo nivel de rexistros e de atletas prometedoras nas especialidades de xavelina, peso e martelo, no tocante ó disco a progresión e moito máis incerta. Despois de Barreiro, Loli Pedrares (especialista en martelo) e de Mercedes de Santaló houbo un estancamento importante neste sector”

Preguntado sobre as causas, o técnico de lanzadores olímpicos non dubida en manifestar que “ É difícil determinar as causas, pero digamos que unha delas é que existen moitos atletas en termos cuantitativos adestrando nas pistas, pero son moi poucos os que chegan ós núcleos específicos de lanzamentos”

Lista Récords Galegos

Na foto, Isidoro Hornillos entrega o testigo a Colomán Trabajo cuxo rexistro nos 800 m. de 1.45:15 (Oslo 21/07/1984) corresponde á segunda marca máis antigúa da lista de récords galegos absolutos de aire libre.

 

Compartir: