Resultados

Calidade mundial no circuíto Cantones de Marcha

O mellor da marcha mundial pasaría esta fin de semana por Cantones da Coruña deixando tras de si toda unha estela de calidade e excelentes rexistros.

Esta proba, que alcanzaba a trixésimo terceira edición, contaría este ano con todo un récord de participantes de preto de 275 marchadores/as o que obrigaría a separar as dúas probas. Sen lugar a dúbidas o título de proba atlética Patrimonio da Humanidade concedida pola  IAAF recentemente e da que xa informamos, así como as máis de trinta edicións ás costas, obrarían para acadar esta cifra récord no mundialmente coñecido evento galego.

Cun importante seguimento de público, as 17:30 horas tomarían a saída as marchadoras femininas na que a ecuatoriana Glenda Estefanía Morejón con apenas 19 anos, imporíase a todo o potente combinado chinés marcando un rexistro de 1:25:29 MMP. A segunda e terceira clasificada serían as atletas de China Jiayu Yang e Liu Hong con 1:25:34 e 1:25:56 respectivamente. Proba da calidade do circuíto e da idoneidade do mesmo é que estes rexistros representan as tres mellores marcas mundiais do ano.

A primeira das españolas, e ante a ausencia de María Pérez recuperándose dunha lesión, sería Laura García Caro quen con 1:28:40 faría a súa mellor marca da tempada. Por parte galega Antía Chamosa acabaría no posto corenta e tres cun rexistro de 1:36.55 que representa un novo récord galego Sub23.

No tocante á categoría masculina, ó líder do ránking mundial, o xaponés Toshikazu Yamanishi, non defraudaría acadando o triunfo cun rexistro de 1:17:41 o que supón un novo récord do circuíto en posesión de Paquillo Fernández dende o ano 2005. O segundo marchador do podio sería o italiano Massimo Stano a catro segundos do xaponés sendo terceiro o outro marchador nipón Yosuke Suzuki con 1:17:54.

O primeiro dos españois foi Diego García quen no posto oitavo e cun rexistro de 1:18:58 lograría a segunda mellor marca nacional de todos os tempos. O campión europeo e segundo na edición de Cantones do ano pasado tras Elder Arevalo, Álvaro Martín , entraría no posto decimosexto con 1:20:50 logo de sufrir un percance ca súa zapatilla durante a proba.  Por parte dos galegos o mellor clasificado foi Daniel Chamosa quen entraría en línea de meta cun rexistro de 1:29:52.

Probas paralelas

As 17:35 horas tomarían a saída os/as atletas que formaban parte da proba dos 10 km. e que sería gañada polo marchador alemán Jakob Johannes con 43:13 correspondendo o triunfo na categoría feminina para a española Ana Pulgarín do Atletismo Almendralejo con 46:59. Por parte galega os mellores  foron Juan Morales do Marineda, sexto clasificado con 44:30 e Celia Carracedo do ADAS Proinor, vixésima quinta con 54:28.

A maiores este edición contaría un ano máis cun compoñente solidario onde se disputaría a III Marcha Popular Solidaria cuxa recadación irá parar integramente a La Cocina Económica da Coruña

Con anterioridade, disputáronse as probas correspondentes ó Trofeo Joséfina Romero de Marcha cun imporante número de atletas e cuxos gañadores serían os seguintes:

  • 1 km. Sub10: Tomás Bautista do Porriño con 5:20 e Alba Menán do A.Friol con 5:32
  • 2 km. Sub12: Sabela Castelo do Vila de Cangas con 10:31 e Mauro Alexandre García do ADAS Proinor con 11:17
  • 3 km. Sub 14: Aldara Meilán con 15:00 e Pablo Sánchez con 14:59  ambos da Atlética Lucense
  • 3 km. Sub16: Sofia Campos do Millaraio con 15:21 e Diego Silva García con 16:45
  • 5 km. Absoluta: Bruna Marques de Portugal 26:53 e Mateo Díaz da Atlética Lucense con 24:11

Compartir: