Moi poucas veces poderase presenciar unha cita atlética que reuna a tantas estrelas da elite mundial por metro cadrado como fai este ano o XXXIII Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones da Coruña – Sergio Vázquez.
Cun ritmo frenético de organización e loxística que fai apurar ata os mínimos detalles, perfílase unha edición moi especial e importante pola gran cantidade de astros que desta especialidade estarán mañá en Cantones.
Como viñemos informando, nesta cita poderemos ver a recordwoman mundial dos 20 km. e dos 50 km. Liu Hong quen xa sabe o que é batir un récord mundial na Coruña, estando acompañada por duras rivais entre as que se atopan a xaponesa Kumiko Okada e a chinesa Zhenxia Ma, todas elas por baixo dos 1:28.30.
O líder da clasificación mundial do 20 km. o xaponés Toshikazu Yamanishi encabeza a ampla delegación do seu país formado por 24 persoas que escolleu este circuíto pola súa idoneidade e calidade contrastada ó longo destes lustros.
Varios serán os medallistas da última Copa de Europa de Marcha que tomarán parte na clásica coruñesa, entre os que salientamos a do campión o sueco Perseus Kalstrom e a do subcampión o ruso Vasily Mizinov.
A Marcha española ao completo, en Cantones
O campión de Europa na pasada edición de Berlín Álvaro Martín, encabeza a lista dos marchadores españois. Xunto el estará presente o atleta madrileño Diego García, prata en Berlín e recente bronce individual na Copa de Europa de Alytus, onde xunto con Álvaro Martín, Miguel Angel López e Alberto Amezcua, obtiveron o ouro por equipos. Todos eles estarán presentes en Cantones ó igual que Laura García – Caro prata individual en Alytus e Raquel González, bronce.
O equipo feminino nacional ouro por equipos nos 20 km. de Alytus, estarán na línea de saída en Cantones: Laura García-Caro, Raquel González, María Pérez e Lida Sánchez – Pûebla.
Julia Takcas bronce en Berlín na distancia de 50 km. e prata en Alytus, con récord de España incluído, estará a bo seguro na loita polas medallas.
Os especialistas de 50 km. tampouco serán quen de perderse a proba coruñesa. Marc Tur dobre campión de España nas dúas últimas edicións, así como José Ignacio Díaz, acompañarán ó supercampión Jesús Ángel García – Bragado quen participará en Doha nos que serán os seus décimo terceiros Campionatos do Mundo.
En canto ás mulleres dos 50 km. prata por equipos en Lituania, estarán na línea de saída Julia Takcas, Aihnoa Pinedo, María Larios e Mar Juárez.
Por parte galega contaremos ca presenza na liña de saída dunha das nosas promesas da especialidade, a marchadora internacional Antía Chamosa quen tomará parte na proba dos 10 km.