Importantes figuras no galego Sub16 e Sub18 deste sábado en Vigo

Chegados a practicamente o mes de xuño, comezan a desenvolverse os distintos campionatos de Galicia en aire libre que cada fin de semana traerán importantes citas. Nesta en particular, serán as pistas de Balaídos, logo do esforzo do Concello de Vigo por facelo posible, a sede do autonómico Sub16 e Sub18 á que acudirá un importante número de atletas.

Para dar comezo, na categoría Sub16 contaremos no concurso de triplo ca lider do ránking nacional Alba Cuns do Atletismo Negreira quen acude cun rexistro de 11.69 m. nunha proba na que estará saltando tamén Diadou Daillo do Ría Ferrol. Non menos interesante serán as actuacións das dúas primeiras clasificadas do ránking nacional de martelo Marta Neira do AVA con 49.37 e Ainara Alejandre do Adas Proinor con 48.49.

No resto de actuacións salientamos a Noel Neira do Coruña Comarca quen tomará parte nos 300 m. Os 3.000 m. será unha dos pratos fortes do campionato ca actuación de Pedro Vázquez do Real Club Celta que ten acreditados 9:06.78 e de Antón Martínez da Atlética Lucense con 9:11.82.

María Degnesh Mato do Millaraio será unha das favoritas sobre os 1.000 m. co permiso de Carolina Santos do Ourense Atletismo. A Luan Henrique do ADAS Proinor verémolo no concurso de lonxitude ó mesmo que a Aaron Otero do Vila de Cangas no de peso e martelo. Xunto eles estará Nicolás Ortega do Coruña Comarca na gaiola de disco. A marcha terá en Brais Manso do Ourense Atletismo un dos principais aspirantes ó título.

Especial atención ás atletas do Franciscanos Lucía Sánchez del Valle que tomará parte nos valos e na lonxitude e a Enma Sihuang que fará o propio en altura. Por último Xiana Lago en peso con 11.62 m. e Laura Rico do Ría Ferrol en disco con 35.82 m. e na xavelina con 35.85 m. completan a relación de atletas nos postos top do ránking nacional.

El Naboaui, Gómez e Sestelo, principais atraccións no galego Sub18

Na categoría Sub18 o protagonismo corresponderá ó internacional e líder destacado do ránking nacional El Mehdi El Naboaui do C.D. San Paio A Estrada quen tomará parte na proba dos 3.000 m.  Outras das líderes do ranking da RFEA  que pasarán esta fin de semana por Balaídos serán Irene Gómez quen acude co seu recente récord galego de 57.41 m. en martelo e Antía Sestelo do Ría Ferrol que fai o propio en xavelina con 47.74 m.

A maiores estarán sobre o tartan vigués importantes atletas entre os que se atopan os velocistas Erik Fernández do R.C. Celta quen sairá sobre a distancia dos 100 m. e a de Raúl Cortizo da Gimnástica quen o fará tanto nos 200 m. como sobre o concurso de altura. Nerea Iglesias do Fontes do Sar tomará parte en 100 m. e 200 m. contando os 400 v. ca presenza do celeste David Chinweike Ngwudile como principal referente. Hugo García do Celta sairá sobre os 3.000 m. que darán paso ós concursos nas que verenos a presenza de Eric Méndez do Real Club Celta e Adriana Regueira do ADAS Proinor no martelo,  Daniel Mato do Millaraio e María Pena da Atlética A Silva en xavelina e a de Paula Piñón do A.F.Celta en peso.

Compartir: