Resultados en directo  

Unha trintena de galegas/os nos “Top5” nacionais

Unha vez rematada a tempada oficial de pista cuberta, compre facer balance, en canto a ránking, dos resultados acadados. Tomando as probas oficiais das categorías de Sub16 ata a absoluta, podemos observar como un total de 30 atletas galegas/os ocupan algunha das cinco primeiras posicións nas listas de ránking elaborada pola RFEA en base ás marcas oficias rexistradas.

Lidera a lista Ana Peleteiro na proba de triplo con 14.73 m. marca esta que serviría tanto para acadar o título de Campioa de Europa de pista cuberta, como para establecer un récord de España Absoluto. A campioa de España Sub23 Paula Iglesias, é outra das atletas que encabezan o ránking nacional nos 400 m. na súa categoría con 54.02 o que de igual modo representaría unha nova plusmarca galega absoluta.

Continuando ca relación dos “número un”, o atleta Sub23 de Viveiro Adrián Ben, destacaría nesta fase invernal ó lograr a súa MMP nos 1.500 m. con 3:42.25 que lle serviría para tomar parte no Campionato de Europa de Pista Cuberta.

Pola súa banda Tariku Novales sitúase ó fronte na proba dos 3.000 m. Sub23 con 8:03.22 nun ano no que lograría o título nacional da súa categoría sobre a distancia. Mesmo caso para a Sub20 Raquel Meaños nos 800 m.con 2:07.74.

Xa nas categorías Sub16 e Sub14 importante presenza galega nos primeiros lugares do ránking onde figura o subcampión de España cadete Pedro Vázquez do R.C.Celta  liderando os 3.000 m. con 9:01.01.  A nigreirense Alba Cuns, unha das revelacións da tempada, fai o propio no concurso de triplo Sub16 con 11.83 m.

As Sub14 Xela Martínez da A. Lucense nos 2.000 m. con 6:25.94  e Lisa Vosberg do AVA no peso con 10.09 m. completan esta relación de líderes nacionais.

 

Compartir: