Como cada ano, a RFEA celebra a súa gala anual do Atletismo Español no Comité Olímpico Español. Nela premiaranse ás/ós máis destacadas/os estamentos atléticos cuxos méritos foran quen de convertilos en candidatos nos distintos apartados.
Este ano o atletismo galego estará presente na gala de maneira moi notoria. No apartado de mellores atletas Máster feminino, a santiaguesa Esther Pedrosa ven de ser escollida neste apartado logo de acumular nada menos que un total de nove medallas entre mundiais e europeos así como a consecución dos récords de España dos 1.500 m. ó aire libre, dos 3.000 en pista cuberta e dos 10 km. ruta. Neste mesmo apartado a piques estivo de acadar a mesma distinción José Vicente Rioseco, recaendo finalmente o premio no atleta alacantino José Antonio Ureña.
No tocante ó apartado de mellores organizadores, o XXXII G.P. Cantones de Marcha Sergio Vázquez volve ser escollido un ano máis como un dos mellores eventos desenvoltos na tempada pasada, destacando del a calidade tanto deportiva como organizativa que o converten no máis importante das súas características a nivel estatal e un dos máis importantes a nivel mundial. Lembramos que este Gran Premio forma parte dende fai varios anos do Race Walking Challenge que xunta ós mellores circuítos do mundo.
Por último Ana Peleteiro está nominada xunto a María Pérez e Julia Takacs no apartado de mellor atleta feminina. Na decisión que se coñocerá na mesma gala, a triplista galega parte como favorita nesta premiación grazas ós bronces dos europeos de aire libre e do mundial de pista cuberta.