Resultados

A FGA crea o Observatorio do Atletismo Galego

O Presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos ven de anunciar a creación do Observatorio do Atletismo Galego, unha das medidas recollidas no Plan Estratéxico do Atletismo Galego 2019 – 2022.

Hornillos, destacou que “seguimos desenvolvendo as accións indicadas no Plan Estratéxico, unha vez rematada unha parte relevante da tempada como foi a pista cuberta e o campo a través. Nesta ocasión coa posta en funcionamento do Observatorio do Atletismo Galego”. A súa vez anunciou o nomeamento como Director do Observatorio do Atletismo Galego a Jesús Vázquez Tallón, que compaxinará a nova responsabilidade ca da Vicepresidencia de Relacións Institucionais e Área Social do ente federativo.
Precisamente o novo Director deste observatorio sinalaría que “é un paso adiante moi importante por parte do atletismo galego, onde canalizaremos as diferentes demandas e necesidades por parte dos diferentes axentes que compoñen o noso tecido atlético, á vez que crearemos novas liñas de actuación en clave social que a bo seguro que repercutirán a nivel social, económico, turístico e evidentemente deportivo en Galicia.” Sobre a súa importancia e cometido Vázquez manifestaría que “É algo totalmente pioneiro, imos a crear unha estrutura transversal con persoas do mundo do atletismo e outras alleas a el, para enriquecelo e crear sinerxias moi positivas. “Xa por ultimo remataría anunciando que “…nos próximos días procederemos ó nomeamento do Coordinador do Observatorio no que a súa valía e capacidade de xestión tanto a nivel de entidades deportivas como no ámbito empresarial, serán pezas fundamentais”.

O Observatorio do Atletismo Galego contará con sete eixos principais de actividade, creándose de igual modo un Consello Asesor.

1. Alto Rendemento.
2. Lexislación Deportiva.
3. Animación, Recreación e Escolar.
4. Saúde.
5. Igualdade.
6. Desenvolvemento Territorial e Recursos Humanos.
7. Social, Emprendemento e Valores.

Para rematar, destácase que se trata da primeira iniciativa deste tipo no atletismo federado español.

Compartir: