Resultados en directo /// Recordatorio: no relativo á tramitación de licenzas enviar correo-e a xestion@atletismo.gal

Presentado o Campionato de España Máster

Conta atrás para a gran cita atlética que esta fin de semana vivirá Ourense e que foi presentado oficialmente no día hoxe  por parte das autoridades deportivas, políticas e sociais tanto da cidade como da nosa Comunidade entre os que se atopaban, o secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia, o alcalde de Ourense, o asesor da Deputación Provincial, o Director Xerente de Expourense e o Presidente da Federación Galega de Atletismo.

Ourense epicentro do atletismo máster

Durante esta fin de semana a Pista Cuberta de Ourense dará acollida á celebración do XXX Campionato de España de Pista Cuberta Máster na que tomarán parte un total de 1673 atletas inscritos en representación de 17 Comunidades Autónomas. A esta cita acoden os mellores atletas máster do momento moitos dos cales posúen un brillante currículo deportivo internacional o que sen dúbida converterá a Ourense durante esta fin de semana no foco de atención nacional.

En canto ao número de inscritos, Madrid é a Comunidade que achegará máis atletas cun total de 347 seguida de Galicia con 300 sendo Cataluña con 178 a terceira en número.

Pola instalación calcúlase que pasen durante os tres días do campionato, preto de 5.000 persoas entre atletas, persoal técnico, público e acompañantes o que obrigou á organización para traballar de maneira moi intensa na planificación do evento. Lembramos que nesta mesma pista cuberta, que sería inaugurada a finais do 2017, xa se celebraría a tempada pasada con notable éxito un Campionato de España Sub20 aínda que, a complexidade deste campionato (tanto polo gran volume de atletas como de categorías) supoñerá un novo e importante reto para o comité organizador.

Ourense agarda xa aos atletas máster, mirando de esguello do mesmo xeito, á outra gran cita como é a organización do Campionato de España Absoluto a próxima tempada.

Compartir: