Ana Peleteiro conquista Europa e segue facendo historia

Un novo éxito foi o que nos protagonizaría no día de onte o máximo referente do atletismo galego nestes intres. Ana Peleteiro, acadaría en Glasgow o máis importante triunfo da súa carreira deportiva co título de campioa de Europa Absoluta de pista cuberta nun concurso de triplo no que ademáis, pulverizaría o récord de España.

Sería no cuarto intento onde a galega chegaría ata os 14.73 m. logo de empezar facendo dous nulos o que lle obrigaría a sacar toda esa forza e carácter á o que nos ten afeitos, para convertirse na número un europea.

Dende a sua aparición polas pistas por vez primeira, a calidade natural de Ana Peleteiro non pasou desapercibida para ninguén. O excelente traballo levado a cabo nos primeiros intres da súa formación (quizáis o máis importante) por ese importante núcleo atlético existente no Barbanza, o traballo, o sacrificio e as apostas sempre arriscadas e difíciles pero positivas, obraron para que aquela nena de cualidades naturais excepcionais, acabara convertíndose pouco a pouco en toda unha realidade.

No ano 2010 daría comezo o seu importante palmarés de triunfos nacionais co título de Campioa de España de triplo Sub16 en pista cuberta, o que lle seguiría un ano máis tarde o seu debut internacional coa participación no Campionato do Mundo Sub18 en Francia. Dende ese instante, a súa evolución ven de ser meteórica, sumando un importantísimo currículo do que o máis importante serían as medallas de bronce do Campionato do Mundo Xuvenil no 2011 e do Campionato de Europa Iúnior no 2013; a medalla de Ouro no Campionato do Mundo Xuvenil de Barcelona no 2012 e a de prata do Europeo Sub-23 no 2017, así como o posto de finalista no Campionato do Mundo de Londres ou a medalla de bronce nos mundiais de Birmingham.

A súa medalla de ouro de onte supón toda unha declaración de intencións, un punto e seguido dun camiño emprendido fai moitos anos en Barbanza e na que os seus  mellores treitos están ainda por percorrer. O mundial agarda co punto de mira nos Xogos Olímpicos.

Compartir: