Resultados

Importante campionato nacional para as nosas/os Sub20

Un total de 22 mulleres e 17 homes serán as que tomarán parte esta fin de semana no XLVI Campionato de España Sub20 en Pista Cuberta que se disputará nas pistas madrileñas de Gallur.

Entre o máis destacado da participación galega, estará a actuación de Carlos Argibay da Gimnástica quen tomará parte nas probas de velocidade dos 60 m. e dos 200 m. proba esta última, onde ten acreditado un crono de 22.33.

Elian Numa López será un dos serios candidatos ó podio na proba dos 800 m. O talentoso mediofondista do Coruña Comarca, quen tamén está inscrito nos 1.500 m., achégase con 1:53.25 aspirando a igualar ou mellorar o subcampionato nacional acadado o ano pasado ó aire libre en Murcia. Sobre esta distancia botarase en falta a participación de Pedro Osorio quen se atopa cursando os seus estudos nos EE.UU, o que non lle impedirían realizar alí un rexistro de 1:53.03, que o sitúan de terceiro no ránking nacional.

Na categoría feminina importante presenza dunha das claras favoritas ó campionato, a internacional Raquel Meaños, quen lidera amplamente o ránking nacional con 2:07.74 e que ven de ser cuarta no nacional absoluto. Xunto ela outra das nosas internacionais, Lucía Sicre do Ría Ferrol, estará na loita polas medallas grazas ós seus 2:15.07 deste ano. A ferrolá tamén figura na relación de inscritas dos 1.500 m.

Sen abandonar o fondo, Sara López da Atlética Lucense acude cun rexistro ó aire libre de 10:16.23 que a colocan entre as que estarán na loita polos postos de honra nos 3.000 m.

Pablo Fernández do AVA en pértega, tentará acceder á final e mellorar os 4.51 m. cos que se achega a esta cita ó mesmo que Pablo Saa do Real Club Celta sobre o concurso de triplo onde ten acreditados 13.73 m. Jaime Arias do Riazor Coruña será outro dos atletas quen aspire a un bo posto na final e a unha mellora da súa MMP no peso de 15.43 m.

Uxía Pereira da Atlética Lucense, tomará parte na proba dos 60 m.v. onde ten un crono rexistrado de 8.88 que colocan de oitava no ránking nacional.

Atención ó concurso da internacional Olaia Guisela Becerril do A.Feminino Celta, quen saltará na lonxitude ca mellor marca das participantes partindo como clara favorita con 6.10 m. ante a ausencia dunha das sensacións do atletismo feminino do momento, María Vicente. A gran capacidade de competición da celeste, fan dela sempre un valor seguro.

Para rematar, outro dos puntos de interese será o concurso de péntatlon onde tomará parte a atleta do A.F. Celta Eva Queimaño disposta a mellorar o 4º posto do ano pasado en Ourense.

Normas e inscritos/as

Inscritas/os Galegas/os no Nacional Sub20

Compartir: