Creación da Oficina de Traballo da FGA en Mondoñedo

A Federación Galega de Atletismo e o Concello de Mondoñedo chegaron a un convenio de colaboración para establecer unha Oficina de Traballo da Federación Galega de Atletismo na comarca da Mariña que abrangue 16 concellos do norte da provincia de Lugo.

O Concello de Mondoñedo cede un local social en dependencias municipais á vez que, de mutuo acordo entre ambas as partes, acordase nomear a Raúl Redondo González Ares, responsable técnico da Oficina de Traballo que dependerá da Delegación en Lugo da Federación Galega de Atletismo. Na tarde de onte asinaríase o acordo, estando presentes a Alcaldesa de Mondoñedo Elena Candia, o Tenente Alcalde e responsable de Deportes Manuel Tapia, e o novo responsable técnico da Oficina Raúl Redondo. Por parte da Federación Galega asistiría o seu Presidente Isidoro Hornillos, o Vicepresidente de Relacións Institucionais, Jesús Vázquez e o Delegado da FGA en Lugo, José Peña.

A raíz deste acordo, abriranse varias vías de traballo para desenvolver dun xeito progresivo o tecido atlético na Mariña onde xa no día de onte, manteríanse xuntanzas de traballo en Lourenzá e Burela.

Tras o asinado do convenio, o presidente da Federación Galega manifestaría a súa satisfacción polo acordo “vai contribuír de maneira moi decisiva a dinamizar a zona norte de Lugo con novas competicións e a posibilitar a creación de tecido atlético ca creación de novos clubs”. Entre os obxectivos tamén se inclúe a dinamización da zona sur da provincia lucense.

Compartir: