Vimianzo inaugura setembro co galego dos 5 km.

O calendario de actividade atlética na nosa comunidade non para. Logo de tomar folgos no mes de agosto, comézase pouco a pouco a retomar o último treito desta tempada.

Nesta liña acontecerá o domingo día 2 no Concello de Vimianzo, o IX Campionato de Galicia dos 5 km. que contará cun importante número de atletas inscritos a cabeza dos cales atopamos a Rocío Alvite do C.A. Sar e Alejo Ares do ADAS Proinor como principais favoritos.

A atleta de Mazaricos aspira a suceder no palmarés a Paula Mayobre, campioa na edición do ano pasado, namentras que o campión galego dos 3.000 m. Obstáculos, tentará mellorar a prata do ano pasado na que o triunfo correspondería a David Santos do Verxel Nutrición.

Entre o resto de inscritos salientar de igual modo, a presenza da máster do Comesaña Soledad Castro quen acumula unha gran cantidade de títulos e podios mundiais no seu currículo e que parte como clara favorita tanto ó triunfo da súa categoría, como a unha das medallas do podio absoluto.

Outros atletas importantes que tentarán revalidar o título acadado na edición do ano pasado en Curtis, serán Sonsoles Martínez do ADAS Proinor na Sub18,  Elena Miguéns do C.A. Sar na Máster 35, Amador Pena do C.A. O Pino na Máster 35 así como Eduardo Pinedo e Angeles Ripoll do C.A. Sada na Máster 65 e 55 respectivamente.

As distintas saídas e chegadas das probas daranse na rúa Antón Vázquez Mouzo a partir das 10:00 horas estando previsto que as distintas premiacións se efectúen as 11:30 horas na praza do Concello.

Relación de inscritos

Normas Técnicas do Campionato

Compartir: