A xavalinista galega Lidia Parada tomaría parte no día de onte nas roldas clasificatorias do concurso de lanzamento de xavelina correspondentes ó Campionato de Europa de Atletismo.
A de barbanza achegábase nun excelente estado de forma, logo de acadar o Campionato de España cun “trallazo” de 61.25 m. o que representaría un novo récord galego e o acceso ós europeos pola porta grande.
Xa en Berlín e na rolda clasificatoria, a discípula de Abelardo Moure, mandaría o artefacto no seu primeiro lanzamento ata os 58.08 m. (58.08/X/55.59) que non serían suficientes para estar na distancia de corte dos 59.29. Unha auténtica mágoa para esta atleta que falaba así da súa actuación: “Marcho deste europeo a medias, as sensacións son boas pero non era o que estábamos agardando…” “Quero dar as grazas polos ánimos e o apoio, a tempada non remata aquí. Intentarei dar toda a guerra que poida en Perú (Cto. Iberoamericano)”.
Actuación galega
No día de hoxe contaremos ca actuación de Solange Pereira quen tomará parte na segunda serie clasificatoria dos 1.500 m. ás 12:09 horas pero sobre todo a expectación será máxima as 20:07 horas cando no foso de triplo interveña Ana Peleteiro na procura de algo importante nesta cita continental.