Un total de 43 galegos e galegas, tomarán parte esta fin de semana no acontecemento estatal máis importante da tempada como é a disputa do XCVIII Campionato de España Absoluto de Atletismo e que durante o sábado e domingo xuntará en Getafe a un total de 775 atletas.
Ata alí se achegarán os atletas galegos con aspiracións, metas e obxectivos ben distintos pero ca satisfación de poder tomar parte por méritos propios na cita máis importante do ano.
Na velocidade o único representante galego nos 100 m. Javi Cancela do C.A. Santiago, intentará facerse un posto nunha sempre cara final da proba raíña da velocidade ó igual que o coruñés Mauro Triana con idénticos obxectivos sobre o doble hectómetro. Xiana González da Gimnástica e Sergio Rodríguez do Coruña Comarca nos 200 m. por unha banda e a medallista de bronce no Sub23 Paula Iglesias do Riazor Coruña e Pedro Juncal do Celta sobre os 400 m. pola outra, completan a lista de velocistas galegos nestes campionatos.
Nos 800 Raquel Meaños ca quinta mellor marca estará na loita polos postos importantes da proba o mesmo que Leti Fernández nos 1.500, proba esta última na que Solange Pereira loitará polo título nacional e Adrián Ben por estar o máis preto posible do podio. Elian Numa do Coruña Comarca e Fernando Vales do C.A. Santiago de igual modo, terán como obxectivo a mellora dos seus rexistros sobre os 800 m. Miguel González logo de deixar atrás problemas físicos tomará parte nos 1.500 m. na procura de sensacións.
Atención ós 5.000 m. onde as nosas representantes Esther Navarrete, que parte ca mellor marca, e Paula Mayobre, terceiro mellor rexistro, poderían dar a foto do campionato. Tariku Novales nesta mesma proba, estará na pelexa polos postos de medallas logo de acadar o título nacional dos 10.000 m. o pasado mes abril.
Nos valados curtos interesantísima igualdade entre Antía Martínez do Ría Ferrol, Alicia Merino e Emma Valencia do A.F. Celta, todas co mesmo rexistro acreditado de 14.59 e na que a loita será por coñecer quen é a mellor galega nesta cita. Miguel Pérez do Lucus será o representante masculino nesta distancia.
Nos valados longos Lía Caride do Ría Ferrol intentará facer un bo papel que lle permita mellorar marca e Carlos Moro do Riazor Coruña terá como difícil misión acadar posto de finalista.
Nos obstáculos a atleta francesa con ficha galega Alice Marie Genevieve vencedora no torneo de federacións, irá na procura dos postos de honra nunha proba na que tamén tomará parte a atleta valdeorresa internacional Eva Arias.
En altura e triplo, opcións claras de victoria para as internacionais Saleta Fernández e Ana Peleteiro respectivamente sobre os dous concursos que dominan amplamente. Atención en triplo a Ruth Ndoumbe que podería estar no caixón de medallas. Na lonxitude sexta mellor marca das participantes para Leticia Gil quen intentará saltar máis alá dos 6.20 m. e na que Jean Marie Okutu aspira a lograr o seu sexto título nacional logo dos acadados nos anos 2009, 2011, 2013, 2016 e 2017.
Nos lanzamentos outra clara opción de medalla representa o concurso da mundialista Belén Toimil en peso quen loitará polo ouro ca murciana Úrsula Ruíz. Un dos nosos máis admirados lanzadores Víctor Gallego da Gimnástica estará un ano máis entre o máis granado do peso e disco proba esta última na que tamén concursarán Francisco Javier Guzmán da Gimnástica e outra das lendas do disco, Frank Casañas quen en a priori parte como favorito para a unha nova medalla que engadir ó seu dilatado palmarés nacional.
No martelo Irene Gómez do A.F. Celta nunha fantástica tempada acude a estos nacionais como premio a súa progresión sendo a xavelina onde a internacional do Barbanza Lidia Parada a priori parece ter asegurada a prata. Nesta mesma proba a gimnástica Andrea González deberá ratificar a súa pertenza a elite nacional logo da súa importante tempada. Manuel Uriz e Borja Barbeito, quenes comezan a sair das súas respectivas lesións, intentarán mellorar a MMT e estar entre os oito primeiros da proba de xavelina
Seguindo cos lanzamentos, interesantísimo duelo o que viviremos entre o Campión de Europa Máster Nacho Fernández do Celta e o valdeorrés Carlos Revuelta separados por apenas catro centímetros no martelo e cos postos de finalista ó alcance de ambos.
As combinadas contarán ca presencia da internacional do Celta Eva Queimaño e a do naronés Angel Menduiña, sendo a marcha onde Leyre Aramburu tomará parte con opción a estar entre as oito primeiras.
Neste mesmo escenario desenvolverase o Campionato de España de relevos onde a Sociedad Gimnástica de Pontevedra tomará parte co equipo masculino dos 4×400 m.