Un Campionato de Galicia cargado de simbolismo

Logo duns últimos días de intenso e frenético traballo de acondicionamento e de xestións a dúas bandas entre Universidade e Concello, xa se atopa todo preparado e dispoto para que mañá as Pistas Universitarias de Elviña acollan unha nova edición correspondente ó Campionato de Galicia Absoluto de Atletismo.

Como novidade este ano, conmemóranse os cincuenta anos ininterrumpidos de atletismo feminino que se veñen desenvolvendo nos Campionatos de Galicia. Por todo elo a Federación Galega de Atletismo quere aproveitar este aniversario para por en valor a igualdade entre ambos sexos como un principio básico e fundamental sobre o que se sustenta o atletismo, facendo do mesmo, un elemento reivindicador que trascende máis alá do ámbito deportivo.

Lembramos que a incorporación da muller ó deporte de maneira plena ten sido una loita longa e dificultosa ata o punto de que o creador dos Xogos Olímpicos, o baron Pier de Coubertain, se posicionara en contra de que as mulleres tomaran parte nos mesmos.

Pouco a pouco o cambio de mentalidades, pero sobre todo o activismo de moitas atletas que en tempos de oscuridade serían quen de rachar barreiras e mesmo de enfrontarse ó socialmente prohibido, daría paso a unha apertura cara as mulleres no atletismo.

Precisamente algunhas desas mulleres galegas pioneiras, transgresoras pero sobre todo valentes, terán unha homenaxe no transcurso deste campionato no día de mañá na que se lles fará entrega dunha distinción e recoñecemento.

Guía Campionato de Galicia Absoluto

Compartir: