13 medallas con sabor galego nos nacionais Sub20 e Sub18

Fantástico balance de 13 medallas o acadado polos galegos desprazados tanto a Gijón como ata Murcia para tomar parte nos Campionatos de España Sub20 e Sub18  que se desenvolverían durante esta fin de semana.

Comezando polo campionato disputado en terras asturianas un sensacional El Medhi El Naboaui, xa reposto das obrigas do Ramadán, imporía a súa clase e talento para facerse co título na proba dos 3.000 m. cun rexistro de 8:39.28 . Non menos sensacional sería a actuación da lucense Sara López que volvería a amosar de novo a súa excelente calidade para facerse co campionato nacional con 10:12.94.

As medallas de prata serían para Iria Rivas nos 10.000 m. marcha con 24:45.48; Olaia Guisela Becerril do A.F. Celta no concurso de lonxitude con 5.82 m.; Jonatas Pereira do Cuntis en xavelina quen en excelente concurso lanzaría ata os  61.39 m. mellorando en preto de metro e medio a súa MMP;  Irene Gómez do A.F. Celta no martelo con 61.19 m. así como para o equipo de relevos dos 4×100 m. do C.A. Santiago quenes se farían co subcampionato con 43.45.

Por último dous bronces para Lucía Sicre do Ría Ferrol nos 800 m. con 2:17.90 e para o celeste Nicolás García quen enviara o disco ata os 54.00 metros xustos.

Xa no campionato de España sub 20 que se desenvolvería en Murcía os nosos representantes colleitarían un total de catro medallas de prata de mans de Antía Chamosa nos 5.000 m. marcha, cun rexistro de 50:55.41;  Raquel Meaños nos 800 m. nunha chegada de infarto que decidiría a vídeo finish e na que lle darían 2:12.5. Por último Andrea González da Gimnástica na xavelina con 43.94 m. e Elian Numa do Coruña Comarca nos 800 m. con 1:51.80 serían os que tamén logarían facerse co metal de prata nestos campionatos.

Resultados Sub20

Resultados Sub18

Compartir: