Nada menos que un récord do mundo, vinteún récords galegos e un sinfín de mellores marcas personais, sería o excelente balance do XXXI Campionato de Galicia de Máster que se desenvolvería o pasado sábado nas pistas do CGTD de Pontevedra.
Moita da xente que se achegou ata as bancadas do estadio, podería gozar do que sen dúbidas foi o mellor de todos cantos campionatos máster se veñen desenvolvendo nestas últimas trinta e unha edicións. Efectivamente este evento viría marcado por unhas importantes cifras récord tanto no que atinxe a resultados, como sobre todo, ó número de participantes que amosa a gran evolución deste colectivo nas probas de pista nos últimos anos.
Si houbera que poñer un título para definir esta cita, este sería o de Pepín Rioseco. De novo este ferrolán de nacemento (1941) protagonizaría a nova do campionato ó acadar nada menos que o récord mundial na proba dos 1.500 m. con 5:11.27 rebaixando en preto de dez segundos a anterior plusmarca. Este fantástico rexistro engádeselle os xa varios récords autonómicos, nacionais e mesmo mundial que ten este atleta do Egovarros, xa que lembramos, posúe o récord mundial na proba dos 800 m.l. en pista cuberta.
A maiores deste excelente rexistro, Pontevedra presenciaría varios récords galegos que foron os seguintes:
Máster 40: Irene Fernández (A. Narón) en martelo con 6.64 m.
Máster 45: Araceli Salgueiro (Samertolameu) nos 80 valos con 13.59; Juán Caamaño (Marineda A.) nos 100 m. con 11.99; Basi Bernardez (A Silva) en triplo con 12.58 m.;
Máster 50: Isabel Bermúdez (A Silva) nos 80 valos con 19.80; José Gonta (A Silva) 100 valos con 17.68; Carlos Alvarez (Val Miñor) en altura con 1.65 m;
Máster 55: Esther Pedrosa (Universidad Santiago C.) nos 1.500 m. con 5:06.15.
Máster 60: Carmen Novo (LUCUS CRG) nos 5.000 m. con 26:28.39; Angeles Rodríguez (A Silva) en altura con 1.05 m.; José Guimeráns (Samertolameu) na lonxitude con 4.32 m.;
Máster 65: Pilar Marquiz (A. Sada) nos 1500 m. con 6:42.43; Emilia Mesa (Ourense A.) peso con 9.10 m. e disco con 19.54 m. ; Xosé Ferreiro (indep.) nos 100 m. con 14.47;
Máster 70: José Santamaría (A.Barbanza) nos 100 m. con 15.34.
Máster 75: Julio García (Ourense A.) en xavalina con 19.03 m.; Manuel García (ADAS) nos 100 m. con 19.95; Manuel García (ADAS) en lonxitude con 2.37 m.; José Rioseco (Egovarros) nos 1.500 con 5:11.27 (RECORD DO MUNDO).