Resultados en directo  

Excelente balance dos Sub-16 no nacional de Sabadell

Balance destacadísimo o acadado polos atletas galegos que se achegaron esta fin de semana a Sabadell para tomar parte nos XXXI Campionatos de España Sub-16 cun total de catro medallas e un récord galego.

Comezamos salientando o fantástico triunfo do atleta da Sociedad Gimnástica Hugo García quen cun rexistro de 9:00.56 (MMP) acadaría o título nacional nunha proba na que se achegaba co mellor rexistro dos participantes e na que ratificaría na final quitando preto de cinco segundos o segundo clasificado. Con este título continúa a importante progresión desta nova promesa na que xa este ano acadaría o segundo posto no Campionato de España do CSD de campo a través, así como ós títulos autonómicos de cros e de 3.000 m. de pista cuberta da súa categoría.

Continuando cas medallas non menos importante sería o subcampionato nacional de Belén García do ADAS Proinor quen tomaría parte na proba dos 60 m.v. e na que cun rexistro de 8.80 establecería da mesma maneira un novo récord galego Sub-16 logo de que fai apenas unha semana o rebaixara con 8.91.

Lope Quinteiro sería outro dos medallistas do campionato. O atleta do Vila de Cangas, quen tomaría parte tanto nos 1.000 m. como no concurso de peso, establecería na proba do quilómetro un rexistro de 2:39.09 MMP (xa en semifinais 2:40.20) e que lle daban o subcampionato nacional. No concurso da proba de peso lanzaría ata os 12.89 m. que lle daban o posto 11º da proba.

A última das medallas viría da man da lucense Carmen Victoria González na proba dos 600 m.l. A do Franciscanos nunha formidable carreira e cun rexistro de 1:37.47 (MMP) lograría o subcampionato nacional cedendo tan só ante a catalana Julia García quen establecería un novo récord de España con 1:31.62

No resto de actuacións salientar o sexto posto de Aitor Fernández da Atlética Lucense en pértega con 3.36 m. No concurso de peso excelentes actuacións das nosas representantes xa que Antía Sestelo do A.Femenino Celta chegaría ata os 11.51 m. que lle darían a cuarta posición a tan só dez centímetros do bronce. Nesta mesma proba Paula Piñón do Friol con 11.47 m. quedaría tamén nunha meritoria quinta posición

Resultados

Compartir: