Resultados

Medhi El Nabaoui e Lucía Sicre, protagonistas en Antequera

Un total de dúas medallas e seis postos de finalistas sería o balance da actuación galega no Campionato de España Sub-18 de Pista Cuberta que esta fin de semana se desenvolvería na cidade malagueña de Antequera.

Sen lugar a dúbidas o principal protagonista por parte dos galegos sería unha vez máis o atleta do Club San Paio A Estrada El Medhi El Nabaoui que parece non coñocer límites. Logo de facer unha tempada na que se proclamaría gañador do Cros Internacional de Atapuerca Sub-18, Campión Nacional Sub-18 de Campo a Través por Clubs e Campión de España de Campo a Través Sub-18 remataría esta fase invernal co título nacional dos 3.000 m. cun rexistro de 8:51.15 que fan incrementar ainda máis o seu xa impresioante palmarés. Con este título ratifica o seu dominio sobre esta distancia que lidera no ránking nacional con esa incríble marca efectuada no galego absoluto de Ourense de 8:33.77 e que fan del toda unha promesa.

A outra das grandes novas viría da man de Lucía Sicre. A ferrolana do RIA que se achegaba con moitas gañas a Antequera, tomaría parte na terceira semifinal dos 800 m. onde se imporía cómodamente con 2:20.13. Xa na final do domingo e competindo como ela sabe, cederaía tan só ante a balear Pinacchio e a extremeña Cepeda, acadando o bronce con 2:16.39. Nesta mesma proba cabe salientar o excelente nivel das galegas xa que nada menos que tres atletas (incluida a medallista) entrarían na final. Irene Barreiro do RIA Ferrol con 2:17.24 ocuparía unha destacadísima cuarta posición cun rexistro de 2:17.24 e na que xa en semifinais establecería unha MMP con 2:16.13. Pola súa banda Paula de la Torre da Gimnástica tamén estaría nese grupo de seis finalistas ocupando a quinta posición da proba cun rexistro de 2:19.10 (MMP en semifinais con 2:18.71)

Notorio comportamento tamén de Sara López da Atlética Lucense quen na proba dos 3000 m. establecería un rexistro de 10:36.40 acabando na sexta posición.

Non menos importante sería a actuación do atleta do C.A. Santiago Victor Mosteiro quen na final dos 60 m. e con 7.11 ocuparía a cuarta posición. Este mesmo atleta xa en semifinais lograría unha MMP con 7.09.

Por último outro dos finalistas galegos sería o representante do Comesaña Sporting Club Diego Barros quen nos 800 m. e cun rexistro de 2:02.63 ocuparía unha meritoria sexta posición. Previamente nas semifinais, onde lograría o pase por tempos, establecería un rexistro de 1:58.45 que representa unha MMP.

Resultados

Foto: Fotocarlosgrafias.com

 

Compartir: