Asinado co Hospital Polusa S.A. un importante convenio de colaboración

Potenciar a práctica segura do atletismo, tanto a nivel local como en competicións oficiais en todo o estado español, sen esquecer o deporte base, e concienciar sobre a importancia dos recoñecementos médicos cardiovasculares para os atletas son dous dos principais obxectivos do convenio asinado onte entre a Federación Galega de Atletismo e o Hospital Polusa. Este convenio enmárcanse dentro das múltiples xestións que se veñen desenvolvendo últimamente por parte do ente federativo na procura de patrocinios e recursos tanto públicos como privados.

O Hospital Polusa adquire, a partir deste convenio, a condición de socio colaborador da FGA, participando nas actividades programadas pola citada federación e ofrecendo descontos nas tarifas oficiais no recoñecemento médico deportivo ao colectivo de atletas galegos federados durante a vixencia do convenio.

Segundo explicou Isidoro Hornillos “Para a FGA o futuro da práctica do atletismo en Galicia pasa pola formación pero tamén pola procura de alianzas para unha práctica saudable. Este acordo co Hospital Polusa é un paso en firme para alcanzar esa práctica saudable e segura, facéndoo ademais cun centro de prestixio como é o Hospital Polusa”. O xerente deste hospital, Justo Jorge, sinalou que este convenio supón “un paso máis no noso obxectivo de mellorar a calidade de vida da poboación incidindo sobre a importancia de practicar deporte e levar unha vida saudable”. Tamén falou da práctica segura do deporte e da necesidade de que os deportistas poñan a proba o seu corazón, “mediante os recoñecementos médicos cardiovasculares que levan a cabo na nosa Unidade de Cardioloxía do hospital, dirixidos tanto a afeccionados como a deportistas de alto nivel”.

Hospital POLUSA

Compartir: