Resultados

De novo a marcha galega volve cargada de éxitos

Burjassot foi escenario do XXXII Campionato de España de marcha en ruta na que tomaría parte a Selección Galega Sub-20 e Sub 16. Xunto ós integrantes da selección, tamén competirían os marchadores máster así como os participantes nos 50 km.

Comezando polo Campionato de España Máster novo título nacional para José Fernández Nieves do R.C. Celta na categoría M-35  ó completar a proba dos 20 km. cun rexistro de 1:37:26. Da mesma maneira excelente resultado para a marchadora do Cuntis Conchi Campos quen na proba dos 10 km. W-35 e con rexistro de 59:54 conseguiría o bronce.

No Campionato de España Individual Fran Durán Acuña tampouco podería desta vez rematar a proba dos 50 km. marcha retirándose sobre o quilómetro corenta.

O Campionato de España de Seleccións Autonómicas depararía coma sempre excelentes novas para os intereses galegos. Na proba dos 5 km. Feminino Sub-16 bo papel para a atleta do Friol Nerea Lage quen entraría quinta con 27:08 mellorando a súa marca. O resto da selección ocuparía os seguintes postos: 9ª Ana Piñeiro, 20ª Zulfa Muíño, 35ªMaría Aboy e 45ª Laura Sánchez. A nivel de Seleccións Galicia ocuparía un excelente e meritorio terceiro lugar a tan só dous puntos das catalanas, segundas clasificadas.

Na categoría masculina o lucense Mateo Díaz entraría como mellor galego no posto 26º ocupando Mario García o 38º e Ismael Díaz o 44º e na que a nivel de Seleccións Galicia sería décima.

Na proba dos 10 km. Marcha Sub-18 excelente resultado para Iria Rivas quen acadaría o subcampionato con 52:18. Nesta mesma proba abandoaría a marchadora do ADAS-Proinor Celia Carracedo por lesión.

Mesmos excelentes resultados nos 10 km. Sub-20, para Antía Chamosa quen entraría nunha fantástica segunda posición, seguida na cuarta posición por Leyre Aramburo e por Marta Suárez no vixésimo terceiro lugar.

No cómputo xeral e por Comunidades, grazas a estos excelentes resultados Galicia acadaría o título de Campioa de España voltando ao máis alto da élite nacional.

Continuando ca actuación da nosa selección, na categoría masculina Sub-18 o mellor resultado correspondería a Roberto Vieiro quen ocuparía a novena posición e na que xunto el estarían no posto 13º Hugo Martínez, 26º Alex Novas e Nicolás Iglesias, que competiu co CA Santiago, foi 31º. Nos Sub-20 Bráis Prieto na sexta posición sería o mellor clasificado desta distancia na que o posto vixésimo correspondería para Adrián Antonio Fernández. Por Seleccións Autonómicas Galicia quedaría as portas do podio acadando una meritoria cuarta posición.

Resultados Burjassot 2018

Compartir: