Por delegación da RFEA, a Federación de Atletismo da Comunidade Valenciana en colaboración co Club Praias de Castelló, organizará o III Campionato de España de Lanzamentos Longos de Inverno de categorías menores, os días 24 e 25 de febreiro de 2018 en Castelló nas Pista Gaetá Huguet e Universidade Jaime I
Neste campionato toman parte un total de 18 atletas galegos nun sector moi importante para a nosa comunidade por tradición, historia e resultados.
O máis salientable a priori será na categoría Sub-16, a participación de Daniel Mato do Millaraio quen tomará parte no concurso de xavelina e na que se achega ata estas terras levantinas cun mellor lanzamento este ano de 45.25 m. Na categoría feminina destacada presenza de dúas galegas, María Pena da Atlética A Silva con 40.92 m. e Antía Sestelo do A.F. Celta con 40.68 m. Eric Méndez do Celta en martelo con 54.49 m. encabeza o ranking nacional ocupando o terceiro lugar do mesmo o tamén celeste David García con 53.10 m.
Xa na categoría Sub-18 Irene Gómez Costas do A.F. Celta aspira a un novo título nacional e a una nova plusmarca galega no martelo de 3 kg. Especial atención ós concursos de Nicolás García do R.C.Celta en disco con 54.18 m., Yago Araujo do Beade en martelo con 60.87 m. e Jonatas Pereira do A.Cuntis con 59.82 m. en xavelina, colocados nos postos de honra do ranking nacional.
Por último na categoría feminina Sub-20 novamente a xavelina acaparará a máxima atención co presumible duelo que manterán a internacional Ivanna Carolina Román do RIA-CCA que encabeza o ranking nacional da proba con 39.67 m. e a lanzadora da Gimnástica Andrea González quen con 41 centímetros menos ocupa o segundo lugar do mesmo.