Continúa un dos sectores máis importantes para o noso atletismo como é o dos lanzamentos, acaparando a atención na axenda atlética da fin de semana.
Desta vez Lugo, volve ser o lugar escollido para a disputa do II Campionato de Galicia de Lanzamentos de Inverno Sub-16 e Sub-18 na que unha importante presenza de lanzadores dará emoción e espectáculo a esta cita no día de mañá.
O máis salientable e comezando pola categoría Sub-16, será o que aconteza no concurso de martelo cun Eric Méndez do R.C. Celta que parte como claro favorito logo de estar encabezando o ránking nacional con 54,18 m. O tamén celeste David García pola súa banda con 51,92 m., e cuarto no ránking nacional, estará con toda seguridade nese podio.
Daniel Mato do Millaraio lanzará no concurso de xavelina onde ten acreditado este ano uns interesantísimos 45,25 m. En disco Paula Piñón do A. Friol, intentará mellorar os 31,40 m. que fixera xa no pasado mes de xaneiro. Mesmas pretensións para Lara Tilve do A.F Celta con 44,24 m. e Marta Neira da A. Viguesa de Atletismo con 36,68 m. en martelo.
Por último Antía Sestelo do A. Feminino Celta quen parte ca mellor marca en xavelina con 40,68 m. debería estar acompañada no podio por María Pena de A Silva con 39,24 m. e por Paula Piñón novamente con 35,97 m.
Con respecto a categoría Sub 18 agárdanse finais moi igualadas como as que protagonizarán Cristina Freire do AVA con 35,64 m. e María Jiménez na Gimnástica con 34,86 en disco ou mesmo Antía Sestelo do A.F. Celta con 40,68 m. e María Pena de A Silva con 39,24 m. en Xavelina.
No martelo Irene Gómez Costas con esos 57,22 m. parte como indiscutible domiñadora no seu concurso, ó igual que Yago Araujo do A. Bedae con 60,87 m. na mesma especialidade ou os 54,18 m. do celeste Nicolás García en disco.
Por último na xavelina masculina, o lanzador do A. Cuntis Jonatas Pereira que encabeza o ránking nacional con 59.82 m. tentará sobrepasar a barreira dos 60 m.