Orballo, mar, piñeirales e moito campo a través no máster de Cabanas

Un importante número de atletas daríase cita no piñeiral da Madalena de Cabanas onde o pasado sábado, baixo un persistente orballo, disputaríase a XXXII edición do Campionato de Galicia de Campo a Través Máster.

Nunha contorna espectacular onde a mar e o verde se misturaban por iguais, daría comezo a primeira das probas de carácter popular para todos aqueles que quixeron tomar parte. Esta iniciativa promovida pola Federación intenta “popularizar” as probas de campo a través e abrilas a sociedade o mesmo que se fixera anos atrás cas carreiras de ruta. Nesta ocasión serían máis dunha treintena de atletas quenes tomarían parte e que precederían a primeira das probas que abrirá o Campionato de Galicia, a dos masculinos M-45 en adiante.

Nesta carreira o triunfo correspondería a Ramón Serantes do Marineda, quen ademáis se proclamaría campión galego da categoría M-45. Nas seguintes categorías os triunfos foron para Samuel José Veiga do Milladoiro na M-50; José Luis Bouza do Atletismo Narón na M-55; Javier Toro do Verxel Nutrición na M-60; Xosé Luis Otero do Universidade de Santiago na M-65 e Antonio Hernández do Egovarros na M-70. Na categoría M-75 triunfo do plusmarquista mundial de pista cuberta nos 800 m. José Vicente Rioseco do Egovarros. A composición do podio para esta categoría de M-45 en adiante estaría formada polo Clube Atletismo SAR no primeiro lugar con 32 puntos, seguido do Marineda con 41 p. sendo o bronce para a formación do Milladoiro cun punto máis que os coruñeses.

Xa na carreira para as categorías masculinas M-35 e M-40 e disputada sobre un total de 7.000 metros, resultou gañador absoluto e campión galego da categoría M-35 cun rexistro de 26:27 Jorge Crespo do Atletismo SAR.  Pola súa banda Xavier Díaz do Verxel Nutrición faría o propio ca categoría M-40

Por clubs, trunfo de novo para o Clube Atletismo SAR con 15 puntos, sendo o San Miguel de Marín e o Verxel Nutrición segundos e terceiros con 30 e 31 puntos respectivamente.

A proba feminina tería na atleta de Mazaricos Rocío Alvite do Atletismo SAR a clara domiñadora quen cubriría os 5.500 m. nun tempo de 24:48 proclamándose campiona galega da súa categoría W-35.  O segundo lugar sería para Mónica Granero do S´Hostal Montuiri a 38 segundos da líder e terceiro posto para María Teresa Castro do A.Noia con 25:31 primeira da categoría W-45. No resto os trunfos foron para:  Noelia Papín do C.A. Sada na W-40; Mª Elva Méndez do Verxel Nutrición na W-50; María Elisa Paz do Egovarros na W-55; María del Carmen Novo na W-60 e María Josefa Freire do San Miguel de Oia na W-65.

Na clasificación por conxuntos o título autonómico sería para o Verxel Nutrición con 23 puntos,  seguido do Clube Atletismo SAR con 28 ocupando o terceiro posto do pódium o Club Atletismo Sada con 32 puntos.

Compartir: