Como xa viñera acontecendo nas dúas últimas tempadas, a Área Recreativa de “A Veronza” no Concello de Ribadavia foi o escenario no día de hoxe da celebración do LXXXIII Campionato de Galicia de Campo a Través.
O frío que se viviu non representou impedimento algún para que se presenciara un fermoso, disputado e como era de agardar, sorprendente campionato galego.
Cun circuíto impecable por características propias e por un laborioso traballo de acondicionamento, a gran cita invernal daría comezo as 10:30 horas ca saída das Sub-20 feminina. Nesta primeira proba a atleta da Gimnástica Inés Castaño sería a gran protagonista xa que se proclamaría campioa autonómica logo de sacar cinco segundos a segunda clasificada, Elena Costas do Val Miñor e vinte a Antía Rodríguez do Ourense Atletismo. Por equipos sería o Comesaña Sporting Club quen acadara a ansiada vitoria.
Na categoría masculina, cumpliríanse os pronósticos co trunfo do atleta ferrolán do RIA Pedro Ossorio quen chegaría escoltado por Iván Puentes do C.A. Fene e por César Otero do Olímpico de Vedra entrando por ese mesmo orden na línea de meta logo de completar os preto de 7.000 m. da proba. Por conxuntos o Clube Atletismo Santiago sería o gañador estando acompañados no podium polo Coruña Comarca e Lucus Caixa Rural.
Nunha mañá que si ben comezaría con néboa iría despexando pouco a pouco, daríase a saída as 11:35 á carreira absoluta e promesa feminina que contaba a priori cunha igualada disputa entre Leti Fernández, Esther Navarrete e Sandra Mosquera. Nos primeiros compases da proba a carreira cumpliría co guión establecido ó que se lle sumaría a presencia da atleta do Comesaña Clarisse María Pino. Pouco a pouco, e xa no paso pola terceira volta, quedaría descolgada uns segundos a atleta do Comesaña, malia que a sorpresa saltaría co abandono da vixente gañadora do ano pasado Esther Navarrete quen deste xeito deixaba as cousas moito máis doadas a unha Leticia Fernández quen se convertiría na nova campioa galega absoluta inscribindo o seu nome por vez primeira no palmarés deste importante campionato e sumándoo a de mulleres tan importantes como Estela Estévez, Xulia Vaquero, María Abel ou Solange Pereira por citar algúns. Compartindo podium desta categoría absoluta estaría Sandra Mosquera e Sofía Freaza.
Cando ainda se estaba a celebrar a fantástica carreira vivida na categoría feminina, máis de douscentos atletas masculinos tomaban a saída sobre un circuíto de 9.000 m. con ningún claro favorito sobre o terreo. Xa viñemos falando da gran tempada de campo a través que está a realizar o atleta da Gimnástica Manuel Hurtado e que o levarían a acadar o triunfo fai unha semana no Cros Curto de A Rúa, pois ben, logo de moito rozar a vitoria en edicións anteriores, este ano por fin lograría a título autonómico. O lucense que iría nos postos de cabeza controlando a proba xunto a Pedro Miguel García do San Miguel de Marín e Antonio Serrat do C.D. San Paio a Estrada, agardaría ata o paso pola terceira volta e media para dar un cambio de ritmo que lle serviría para acadar unha ampla ventaxa e chegar á línea de meta na primeira posición quitando once segundos ó mariñense e dazaséis ó estradense que serían prata e bronce respectivamente.
Por clubes de novo o ADAS Proinor colleitaría o trunfo en ambas categorías confirmándose como o domiñar indiscutible galego desta modalidade na presente tempada. Xunto os barquenses estarían na categoría feminina o Comesaña S.C. e Club Atletismo Sar saltando a sorpresa no podium masculino con esa segunda posición do San Miguel de Marín grazas o fantástico traballo en equipo, correspondéndolle o bronce o C.D. San Paio A Estrada.
No que atinxe a categoría promesa serían Laura Pérez do San Miguel de Marín e Alberto Castiñeira do C.A. Santiago os que se proclamarían gañadores galegos desta tempada.
Facendo un pouco de historia e estatística, lembramos que a atleta que máis Campionatos de Galicia de Campo a través ten as súas costas é a mítica atleta viguesa Estela Estévez con oito títulos acadados nos anos 1982, 1984, 1986, 1988, 1989, 1990, 1991 e 1994.
Xa na categoría masculina, son tres os atletas que comparten esa distinción con seis títulos cada un: Estanislado Durán (1978, 1979, 1981, 1982, 1983, 1985); Alejandro Gómez (1989, 1993,1994, 1995, 1996, 1997) e Pedro Nimo (2005, 2006, 2007, 2008, 2013 e 2014).