O casco vello acollerá o 9 de maio a 1ª Carreira Nocturna homolgada SantYaGo10K

O sábado 9 de maio celebrarase en Santiago de Compostela a 1ª carreira nocturna homologada SantYaGo10K, un circuíto urbano de 10 quilómetros. A proba foi presentada en rolda de prensa polo alcalde de Santiago, Agustín Hernández, acompañado da concelleira de Deportes, María Corral, do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; e do presidente do Club de Atletismo Fontes do Sar, José A. Juanatey.
Coa promoción do Concello de Santiago, o tándem formado polo Club de Atletismo Fontes do Sar e o Multiusos Fontes do Sar/ CD Santa Isabel, poñen a andar a primeira carreira nocturna homologada da cidade de Santiago de Compostela. O seu circuíto, validado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA), percorrerá principalmente o casco vello, debuxando dúas voltas para completar a distancia de 10.000 metros.
A liña de saída situarase na Avenida de Xoán XXIII e realizarase por varias das principais rúas compostelás, tales como a rúa do Franco, Fonseca, a Alameda, Virxe da Cerca ou Praterías, ata alcanzar a zona de meta que estará sita na praza do Obradoiro. A saída darase ás 22:00 h e estímase o peche da carreira aproximadamente ás 23:30 h.
Inscricións
Haberá unha única proba deportiva conxunta para todas as categorías deportivas, sendo preciso ser maior de 18 anos. As inscricións poderán realizarse a través das seguintes vías:
• Online, a través da páxina web oficial do evento: www.santyago10k.es.
• Presencial, na recepción do Multiúsos Fontes do Sar ou no Complexo Deportivo Santa Isabel.
Ao tratarse dunha proba homologada pola RFEA, as marcas rexistradas serán válidas para competicións oficiais, o que incentivará anime a participación de atletas de recoñecido prestixio, o que axudará a converter a proba nunha cita ineludible no calendario atlético.
Premios
Haberá premios en metálico para os tres primeiros clasificados da xeral, así como trofeos para os primeiros clasificados de cada categoría e un premio especial para o mellor corredor de cada sexo empadroado no Concello de Santiago de Compostela.
As modalidades e importes dos premios serán:
• Categoría masculina: 1ª posición absoluta, 200 €; 2ª posición absoluta, 100 €; 3ª posición absoluta, 50 €.
• Categoría feminina: 1ª posición absoluta, 200 €; 2ª posición absoluta, 100 €; 3ª posición absoluta, 50 €.
• 150 € para o club, empresa u organización co meirande número total de participantes, independentemente do sexo.
• 150 € para o club, empresa u organización con máis participantes femininas.
• 100 € para os primeiros atletas, masculino e feminina, empadroados en Santiago.
• 50 € como premio especial de Turismo aos atletas masculino e feminino que procedan de máis lonxe.
• 50 € como premio especial ao corredor e corredora de maior idade da proba.
Tamén obterán trofeo os tres primeiros clasificados masculino e feminino de cada categoría.
A carreira contará cuns padriños compostelás de excepción, Esther Pedrosa e Carlos Casal, ambos habituais das rúas compostelás e con miles de quilómetros nas súas pernas. (Fonte: www.santiagodecompostela.org)

Compartir: