Unidade e unanimidade no atletismo vigués pola retirada de duas carreiras por parte do Concello

Unha delegación do atletismo vigués acudiu esta mañá á reunión co concelleiro de Deportes, Manel Fernández nas dependencias do Concello. A comisión estivo encabezada polo delegado da FGA en Vigo, Miguel Martínez e o director técnico Óscar Fernández, acompañados por representantes do RC Celta, At. Feminino Celta, Comesaña SC, Agrupación Viguesa e C.A.R. Marisqueiro, ademais de Manuel Martínez como voz dos atletas. Foi a resposta espontánea, unida e unánime dun colectivo ante o que consideran un grave atentado á actividade atlética federativa.

Aínda que en principio, o concelleiro non considerou lexítima a presenza dun grupo tan numeroso, escoitou as achegas de todos eles. Miguel Martínez comezou formulando o malestar creado pola adxudicación de dúas das carreiras propias da delegación (San Xoán e Pavo) a unha empresa privada. Pedíronse explicacións pola devandita decisión e a rectificación, pero en case dúas horas que durou o encontro non se obtivo resultado. O concelleiro alegou independencia das partes para tomar decisións e actuar, e insistiu que o facía en función dos informes técnicos. Ante o motivo aducido en días pasados de que ambas as dúas foran mal xestionadas, recordóuselle que a última de San Xoán foi organizada pola mesma persoa a quen agora se lle adxudica. ( Flor Currás)

Apuntouse ademais que tomar decisións unilaterais destrúe a confianza entre as partes, e que o problema, aparentemente simple, de dúas carreiras podería desembocar noutro máis grave de xestión de pistas, peche e cesamento de colaboración coa FGA, co conseguinte prexuízo para o atletismo vigués no seu conxunto.

Defendeuse alegando que dende o Concello se apoia o atletismo e para iso deu as cifras de investimento, sen cuestionar se son suficientes nin as carencias que arrastran as instalacións. Puxo como exemplo de bo facer a xestión do Circuíto de carreiras populares, sen ser consciente que é alleo á realidade atlética. O director técnico ofreceulle colaboración en futuras probas, así como a redacción dun protocolo e informes posteriores. A proposta foi ben acollida. Falta concretar se chegará a haber máis probas conxuntas e recupéranse as cedidas. Óscar Fernández tamén insistiu na publicación en medios oficiais dunha rectificación, pero non obtivo compromiso diso.

Finalmente, o concelleiro deixou entrever que podería haber aceptación de propostas dos clubs para organizar probas, e sen mellores respostas e con ambigüidade pechouse o encontro

Compartir: