Os
lanzadores galegos demostraron a súa valía e trouxéronse un terzo das medallas entregadas no Campionato de España de lanzamentos longos disputado en León este sábado, nunha xornada fría e chuviosa,
condicións para as que están sobradamente adestrados.
O disco foi o máis laureado, con Frank Casañas (Praias Castelló) proclamándose campión de España de inverno ao lanzar 61.32 m, a mellor marca española do ano. Na mesma proba, Víctor Gallego (SGP)
obtivo o bronce con 51.69 m. Pola súa banda, Belén Toimil (P. Castelló) colgouse tamén o bronce cun mellor intento de 47.73 m, tras lanzar o peso nunha proba extra a 14.89 m. Mercedes de Santaló
(P. Castelló) ocupou a sexta posición con 45.53 m; ambas as dúas están situadas nesa mesma orde no ranking nacional.
Sorte desigual para os lanzadores de xavelina, non sen certa polémica pola lonxitude e situación do corredor, que impediron mellores rexistros. Lida Parada (At. Barbanza) inaugurou o medalleiro
galego cunha prata e unha gran marca, 51.84 metros, segundo nacional e moi meritoria a estas alturas da tempada. Na proba masculina, loita fratricida polo bronce entre Jose Manuel Vila (P.
Castelló), con 64.25 m e Borja Barbeito(P. Castelló), 64.38 m, aínda que Vila segue conservando o primeiro posto nacional coa súa marca do autonómico en Lugo, de 71.87 m.
A proba de martelo tivo un gran nivel, cun corte para a mellora próximo ao mínimo nacional de verán. Isaac Vicente (AD Maratón) obtivo o bronce con 69.30 m, referendando os 69.37 m de Cerveira o
sábado anterior. O seu compañeiro Pablo Denís foi oitavo con 61.68 m, e outro vigués, Cristobal Almudí, 7, 63.13 m.
O martes coñecerase a lista de convocados para a Copa de Europa a celebrar en Leiría (Portugal) os días 15 e 16. Ademais de varios atletas, estarán os técnicos José Manuel Hermida e Santiago
Ferrer.
Fotos e cronica. Flor Curras