Resultados

Rolda de prensa do Memorial Alejandro Lorenzo, Campionato Cadete e Xuvenil de Campo a Través e Cross Corto en Friol

O próximo domingo, día 26, celébrase en Friol o “Campionato Galego de cross curto” por clubs. O devandito campionato está organizado pola Federación Galega de Atletismo en colaboración co Concello de Friol. Neste Campionato Galego, no que se calcula unha participación próxima aos 1.000 atletas, poderán participar as categorías “promesa”, “sénior” e “veteranos” e se realizará soamente unha clasificación por equipos conxuntamente con todas as categorías (absoluta), tanto en homes coma en mulleres. Tamén haberá un título honorífico ao club que obteña a mellor puntuación sumando os puntos conseguidos en ambas as dúas clasificacións, masculina e feminina. Para poder puntuar por equipos cada Club deberá levar a meta a catro corredores/ás que formen equipo. Cada club terá dereito a formar un só equipo por cada categoría. Esta proba levarase a cabo nun terreo apropiado para tal evento, sito na parroquia de Prado, a uns 800 mt. da zona urbana de Friol, dirección a Sobrado dos Monxes e comezará ás 10,30 da mañá. Os catro primeiros clasificados, cadetes e xuvenís, tanto masculinos coma femininos, (16 en total) estarán automaticamente seleccionados para representar a Galicia no próximo Campionato de España Escolar a celebrar en Madrid.

(Fuente: Concello de Friol)

A presentación desta proba, celebrada no Salón de Plenos do Concello de Friol correu a cargo do Presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos e o alcade de Friol, Antonio Muiña, os cales estiveron acompañados por Felipe Barata, “alma máter” do auxe do atletismo friolense, Pablo Gandoy, Delegado Provincial da Federación e a presidenta do Club de Atletismo de Friol e directora do Centro Escolar, Asunción López. Na devandita presentación, o Presidente federativo eloxiou o auxe alcanzado polo Concello de Friol en todas as modalidades do atletismo, debido fundamentalmente ao labor levado a cabo polo profesor de Educación Física do Colexio Público de Friol, Felipe Barata e o apoio organizativo e económico recibido por parte do Concello de Friol. Froito desta colaboración, Friol conta hoxe con destacados atletas en idades escolares, que nas súas respectivas categorías están a obter grandes éxitos en todas as probas en que veñen participando. Tamén froito desta colaboración estanse levando a cabo en Friol distintas probas atléticas tanto a nivel provincial como galega. A última, o Campionato Provincial absoluto de cross, celebrado o pasado mes decembro. Por todo iso, o Presidente da Federación Galega felicitou tanto Felipe Barata coma o alcalde, Antonio Muiña polo esforzo conxunto realizado e os logros que están a alcanzar, poñendo en pouco tempo a Friol no mapa do atletismo galego.
Pola súa banda, Antonio Muiña, que pechou o acto, tivo palabras de agradecemento para Barata e para o Presidente da Federación Galega. Ao primeiro polo encomiable esforzo que vén realizando cos escolares de Friol, aos que inculcou a afección polo exercicio e o san deporte do atletismo, así como polos continuos éxitos que nos últimos tempos veñen obtendo os atletas por el adestrados. En canto ao Presidente da Federación Galega d Atletismo, Muiña agradeceu o feito de que conten con Friol como sede de eventos tan importante como este Campionato Galego de Cross que se celebrará o próximo domingo e manifestou que o Concello de Friol seguirá colaborando dentro das súas posibilidades co atletismo local por entender que esa colaboración redunda directamente na saúde, o deporte e o san espírito competitivo dos máis novos, o que constitúe unha das prioridades do equipo de goberno municipal.

Compartir: