Continúa un novo fin de semana a actividade de pista curta focalizada sobre o sintético de Expourense. Para este sábado e domingo contaremos cas interesantes citas correspondentes ao Campionato Xunta de Galicia de Combinadas para as categorías Sub18 e Sub16 e a non menos atractiva xornada do Campionato Xunta de Galicia Sub23, reservado para a tarde do domingo.
A cita cas combinadas prodúcese unha semana despois da celebración do absoluto, xuntando desta ocasión a un total de corenta e tres participantes entre os que se atopan os campións galegos da pasada edición Olivia Gutiérrez e Joel Santana, ambos do Celta Atletismo na categoría Sub16. Nesta mesma categoría estaremos moi pendentes do concurso masculino xa que tanto Santana como Beltrán Rivas do Atletismo Deza, protagonizarán presumiblemente un máis que interesante campionato.
Na categoría Sub18 Carla Allegue do Xuncas Diversia, parte a priori como favorita grazas aos seus 3.168 puntos rexistrados o ano pasado que lle daban o subcampionato galego indoor Sub16. Pola súa banda tanto Nuno Castro do C.A. Millaraio como Jesús Arias do Xuncas Diversia, serán os que partan ca melllor marca dos participantes na categoría masculina.
Campionato Xunta de Galicia Sub23
Xa na xornada do domingo, cita cos Sub23 a partires das 16:30 horas.
Na programación, contaremos con probas de nivel como a dos 60 valos na que poderemos seguir as evolucións do subcampión de España indoor e plusmarquista galego absoluto Hugo Vázquez do Marineda quen terá enfronte tanto a Manuel Rodríguez do Super Amara Bat como a Diego Liñares do At. Santiago. Na categoría feminina será Nerea Amigo do CAPEX quen asuma o pepel de favorita.
Antón Rivero do At. Santiago e Martín Barcia do Real Club Celta manterán un interesante duelo sobre os 60 m. co título galego en xogo. Pola súa banda os 800 femininos contarán con Ainara Rodríguez da Gimnástica como principal favorita nunha proba na que María Fernández club Piélagos, compite fora de concurso baixo ficha asturiana.
Sobre o círculo de peso, duelo de especialistas entre a xavelinista Paula Piñón e a martelista Victoria Eiríz ambas do At. San Sebastián. Fernando Vallines do At. Portugalete na categoría masculina, loitará por acadar a barreira dos 16 m. da que tan só lle separan seis centímetros