Resultados

Chega toda a emoción do Campionato Galego de Clubs

Pereiro de Aguiar será sede durante esta fin de semana dunha das competicións máis emocionantes e dinámicas de todo o calendario federado.

O Campionato Xunta de Galicia de Clubs absolutos decidirá unha tempada máis, cal dos clubs galegos inscribe o seu nome neste selecto palmarés no que tan só cinco formacións foron quen de facelo.

A priori na categoría masculina a loita estará centrada un ano máis entre os pontevedreses da Gimnástica e os olívicos do Celta a quenes se lles podería engadir o Atletismo Santiago, Lucus Caixa Rural, Atletismo Narón e Ourense Atletismo na loita a priori por eses postos importantes da clasificación.

Para o Celta, que sae na defensa do título, representaría un enorme revulsivo un triunfo en Pereiro de Aguiar de cara ao seu segundo encontro de Liga. Para a Gimnástica, inmerso igualmente en lograr a permanencia en División de Honra, esta proba representa unha excelente oportunidade para acoplar aos seus novos fichaxes na alta competición.

Na categoría feminina, será o Atletismo Celta o rival a batir polo resto de equipos aspirantes entre os cales destacan o Ria Ferrol, Gimnástica e Ourense Atletismo

As ferrolás contan co maior número de títulos (15) malia que o último data do ano 2019. Desde entón Celta e Gimnástica veñen mantendo un pulo por lograr a hexemonía galega do atletismo feminino nunha competición no que as célticas suman nove copas polas cinco da Gimnástica.

Especial atención ao Ourense Atletismo quen contra todo prognóstico se impuxo na última edición de Copa Indoor do pasado xaneiro e que aspira a repetir o resultado.

O encontro dará comezo este sábado ás 10.30 horas nas pistas Josefina Salgado de Pereiro de Aguiar rematando ás 19:45.

 

Compartir: