Resultados en directo /// Recordatorio: no relativo á tramitación de licenzas enviar correo-e a xestion@atletismo.gal

Gran actuación das galegas e galegos no nacional Sub16

Un total de dez metais (seis ouros e catro pratas), vinte postos de finalistas, un récord de España e tres récords de Galicia, foi o balance da representación galega nos campionatos de España Sub16 desenvoltos na localidade alacantina de La Nucía esta fin de semana.

Unha das protagonistas desta edición foi sen dúbidas a lanzadora do Celta Mar Simón quen nun grandísimo campionato lograba nada menos que proclamarse campioa de España nos concursos de disco e martelo. En ambas modalidades amosaou unha gran superioridade sobre as súas rivais tanto no disco con 45.42 m. como sobre todo no martelo onde o seu mellor lanzamento de 51.39 m. evidencian a excelente progresión desta importante atleta.

Outro dos nomes do campionato foi o de Alex Sierpes. O atleta do Trega que partía como favorito na proba dos 1.500 obstáculos refrendaba esa condición cuns extraordinarios 4:12.15 que ademáis, representan todo un novo récord de España da distancia.

A proba dos 3.000 m. femininos tivo un claro e nítido cor galego xa que a gran favorita Sabela Castelo do San Miguel de Marín, impúxose de maneira autoritaria realizando un crono de 9:48.59 que representa un novo récord do campionato. Para ledicia dos seguidores e seguidoras, a segunda posición foi ocupada pola atleta da Gimnástica de Pontevedra Sabela Martínez quen lograba o subcampionato de España a catorce segundos da marinense.

Outra das medallas colleitadas foi a prata de Celia Fernández do Riazor Coruña. A tamén subcampioa de España no ano pasado,  lograba unha puntuación total de 3.972 puntos que supoñen un novo récord galego. A maiores tamén lograba no transcurso das combinadas o récord galego sobre a proba dos 100 valos con 14.76.

O Marineda Atlético quen viaxaba cunha nutrida representación de atletas, tivo na figura de Javier Picos ao seu atleta máis salientable. O coruñés quen domiñaba autoritariamente as semifinais, lograba xa na final, o campionato de España de maneira autoritaria con 1:26.30, facendo xustiza ao excelente ano levado a cabo.

Novamente e coma xa fixera no nacional de pista cuberta, Iria Solera do C.D. La Purísima, ocupaba postos de podio no concurso de altura logo de pasar o listón a 1.66 m. o que lle permitía acceder directamente ao subcampionato de España mellorado o bronce indoor de Ourense. Debris Paniagua do Atletismo O Pino nunha emocionantísima chegada, proclamábase subcampiona nacional realizando un rexistro de 5:00.46 sobre os 1.500 obstáculos a tan  só catro centésimas do título.

No círculo de lanzamentos, Hugo Casañas do Rías Baixas lograba a cuarta posición no lanzamento de peso con 16.04 m. “rachando” a proba no concurso de disco na que lograba o título con 57.89 m., quitando máis de sete metros ao segundo clasificado.

Compre salientar as cuartas posicións logradas por  Martiño Salgado do Celta nos 300 valos, Antía Otero do Atletismo Narón e Alex César do A.A. Mazi en xavelina; Marta Hermida do A.F. Celta en martelo; María Estévez do Ames Atletismo nos 1.500 obstáculos

De igual modo lograron postos de finalistas Adrián Bernárdez do Val Miñor nos 100 m. e Sebastián Bascoy do Coruña Comarca nos 300 m.; Adrián Pérez do Atlética Lucense nos 1.000 m.; Nuno Castro do Millaraio, Manuel Eirín do Ourense Atletismo e Rodrigo Fernández do Atletismo Sada en xavelina; Dameku Paniagua do Atletismo O Pino en 1.000 m.; Mara Dávila do A.F. Celta en disco;  Icia Ares da Atlética A Silva e Alba Morales do Marineda Atlético nos 3.000 marcha; Sergio Fernández do ADAS CUPA en peso así como os relevos masculinos dos 4×100 do Marineda Atlético,

Mención especial para Roi López do Millaraio que sen adestrar de maneira específica (practica outros deportes) “colábase” na final por tempos nos 600 m. para unha vez dentro da mesma,  rematar cuns excelentes 1:29.37 que lle servían para entrar nunha meritoria quinta posición.

Resumo actuación galega

Foto Diario de Pontevedra

 

Compartir: