Un dos mellores campionatos organizados a nivel autonómico de pista cuberta, foi o que se puido presenciar este domingo no recinto cuberto de Expourense durante a disputa do XXXVI Campionato de Galicia absoluto.
A realización dos test de antíxenos efectuados a primeira hora, fixo posible a disputa das probas de medio fondo e fondo que ata o de agora se viñan desenvolvendo ao aire libre, concentrando deste modo, todas as especialidades na pista ourensá.
Os últimos elementos tecnolóxicos incorporados (vídeo marcadores e marcadores dixitáis en cada concurso) contribuiron a unha maior capacidade informativa tanto para atletas como para o numeroso público que puido seguir o campionato a través da retransmisión en directo efectuado pola propia Federación, que sigue apostando e avanzando no proceso de adquisición, incorporación e modernización de elementos de última xeneración aplicados á competición.
Con preto de trescentos participantes, seguindo estritamente as medidas sanitarias, daba comezo un intenso campionato que arrincaba as 10.30 horas e onde por sectores houbo moitas e importantes actuacións
Velocidade. Mauro Triana intratable na velocidade
A velocidade masculina tería en Mauro Triana ao gran protaganista. O coruñés quen acudía a esta edición nun excepcional estado de forma, amosaba nas series previas o seu gran momento que plasmaba na final dos 60 m. con 6.83 a tan só unha centésima do récord galego absoluto de Pablo Comendador do ano 2008. ¨Chichu¨ García de Real Club Celta, gañador o ano pasado, foi outro dos velocistas que baixaron dos sete segundos con 6.92, logrando o subcampionato.
Sobre a final dos 200 m. novamente o velocista internacional adestrado por José Carlos Tuñas amosábase intratable, logrando un novo metal dourado sobre a súa proba favorita con 21.75 (MMT).
Moi disputado resultarían os 60 m. femininos onde a subcampioa paramundial dos 100 m. e 200 m. Adi Iglesias do Lucus Caixa Rural lograba a medalla de ouro con 7.81 e onde a tan só unha centésima entraba Cristina Garrido da Gimnástica. Ana Iglesias do Coruña Comarca con 25.61 proclamábase campioa galega absoluta con 25.61. no dobre hectómetro.
Na final dos 400 m. Demba Sanyang do Narón, afrontaba esta proba moi motivado logo da súa descualificación por salida nula nos 200 m. O naronés proclamábase campión galego con 49.99 por diante de David de La Fuente con 50.42, atleta este último quen lograba de igual modo a medalla de bronce con 1:57.23 nos 800 m.
Na categoría feminina María Fernández do Riazor Coruña con 57.45, lograba o título autonómico nunha final moi pelexada ca campioa galega do ano pasado Eugenia Gil da Gimnástica que entraba con 57.53 e que sumaba esta prata ao bronce colleitado tamén sobre os 200 m.
Medio Fondo. Elian Numa irrumpe nos 1.500 e Sandra Mosquera volve ao máis alto
Nos 800 m. Lucas Fernández do Coruña Comarca lograba o triunfo con 1:56.34 sobre o atleta do Atletismo Sada Ignacio del Buey quen marcaba 1:56.92. Elian Numa López do Coruña Comarca lograba outro título para o club coruñés desta vez sobre os 1.500 m. cun rexistro de 4:05.61 e onde o pontevedrés Carlos Porto lograba unha medalla de prata con 4:07.95 que volvería a reeditar sobre os 3.000 m. con 4:07.95.
En mulleres María Carballido do Atletismo Friol con 2:19.29 revalidaba o título do ano pasado sobre os 800 m. nunha final moi interesante na que a ferrolá Irene Barreiro lograba a prata con 2:19.53.
Dominio da galesa internacional nas filas do Marineda, Angharad Davies sobre os 1.500 m. malia que foi a tamén internacional Sandra Mosquera do Comesaña S.C. quen se proclamaba campioa galega con 4:36.84.
Fondo. ¡¡¡Xelaaaaa Martínezzzzzzzzzzzzz….!!!!!
A principal nova salientable do campionato prodúxose na final femenina dos 3.000 m. De novo Xela Martínez facía unha proba asombrosa logrando ca súa marca de ¡¡9:28.34!!, establecer un novo récord de España Sub16 e Sub18, que ademáis representa unha das mellores marcas mundiais da súa idade. Esgótanse os calificativos para definir a enorme calidade natural que posúe esta atleta que da man do seu adestrador Nani Piñeiro está chamada a ser todo un novo referente do atletismo nacional no sector do fondo. O título nesta carreira foi para a internacional en duathlon Edymar Brea do Ourense Atletismo con 9:27.24
Sería precisamente outras das xoias do noso atletismo El Mehdi El Naboaui, quen sobre esta distancia lograba o título galego nunha carreira moi valente onde o fondista de A Estrada gañador recentemente de maneira ¨oficiosa¨ do campionato de España de campo a través Sub20, remataba con 8:16.85 sumándose así a esa nova xeración de atletas talentosos que vislumbran un futuro verdadeiramente esperanzador e ilusioante para o noso deporte.
Valos: A doutora Teresa e o experto en novas tecnoloxías Hugo Vázquez
Nos valos título para Teresa Rodríguez do Riazor Coruña con 9.06 que sumaba este metal ao seu bronce sobre os 60 m. A segunda posición correspondería para a lucense Alicia Merino do A.F. Celta entrando a tan só a tres centésimas da gañadora. Nos homes duelo entre o mellor Sub20 contra o mellor Sub23 con triunfo finalmente para Hugo Vázquez do Marineda con 8.42 polos 8.49 do Sub23 Santi Rozas do Lucus Caixa Rural Galega.
Saltos. Tania Valverde e Okutu centraron a atención
A participación do saltador olímpico Jean Marie Okutu no foso de lonxitude foi unha das principais atraccións deste campionato. Nunha proba na que saltaría con molestias, tan só realizou tres saltos sendo o último deles o que lle daría o triunfo con 7.26 m.
Na categoría femenina a atleta do ADAS Proinor Tania Valverde convertíase na protagonista grazas aos seus títulos tanto na lonxitude con 5.41 m. como no triplo con 11.85 m. (MMP) logrando a hexemonía nos fosos. Nese mesmo escenario, Eva Queimaño lograba a prata na lonxitude que reproduciría na altura, concurso este último gañado por María Aguiar da Atlética A Silva con 1.55 m.
O triplo tería no subcampión de España Sub23 Alex Barreiro do Lugo Running ao seu protagonista con 14.23 m. quen lle servirían para revalidar o título galego do ano pasado.
Seguindo ca altura, o especialista e subcampión galego de combinadas, Nicolás Arias da Atlética Lucense con 1.79 m. sumaba un novo metal na súa ¨folla de servizo¨. A pértega tivo no atleta do Celta Miguel Cajaraville ao mellor sobre a colchoneta con 4.64 m. sendo na categoría feminina Lola Bouza do ADAS Proinor, quen repetíría o título de aire libre absoluto logrado na edición pasada logo de saltar ata os 3.43 m. polos 3.13 m. da plusmarquista galega Sub16 Lisa Vosberg do A.V.A.
Lanzamentos. Belén Toimil quenta motores para Tokio e Jaime Arias recolle o relevo dun dos máis grandes
Por último no círculo de lanzamentos saltaría a sorpresa. O lanzador do C.A. Sada Jaime Arias proclamábase campión galego absoluto con 14.16 m. nun día no que o principal favorito e dominador da especialidade durante os últimos lustros Victor Gallego da Gimnástica, non daba atopado boas sensacións durante o concurso no que tan só foi capaz de efectuar dous lanzamentos válidos.
Por último sería a flamante campioa e plusmarquista de España Belén Toimil quen se encargaba de poñer o broche de ouro tanto a súa tempada como a esta fantástica edición autonómica. A futura lanzadora olímpica gañaba este campionato con 16.80 m. ocupando a segunda posición Xiana Lago do Ría Ferrol quen viña de ganar o día anterior a medalla de prata do nacional Sub18 de pista cuberta de Barcelona.