Resultados

Federación e clubs santigueses demandan medidas urxentes co Estadio San Lázaro

A Federación Galega de atletismo e os principais clubs da Delegación de Santiago veñen de cursar un escrito ante a Xunta de Galicia e Concello de Santiago reclamando a homologación das pistas do Estadio San Lázaro.

No citado documento exponse a actual situación do Estadio que está a traer consigo ¨un serio problema á difusión e divulgación do atletismo local, comarcal e mesmo galego, nun enclave tan importante como é a mesma capital de Galicia¨

Por tal motivo considerase que ¨…a primeira prioridade das institucións debería ser a urxente recuperación para o atletismo do Estadio Municipal de San Lázaro a través dunha actuación que permita acadar a súa homologación para poder albergar, aparte de adestramentos, competicións de carácter galego e mesmo nacional ou internacional¨

Os asinantes agradecen e recoñecen a enorme labor desenvolta pola Universidade de Santiago no tocante ao emprego das pistas máis sinalan que ¨Por diferentes motivos (…), a experiencia nos indica que o mellor escenario para desenvolver as actuacións e obxectivos do tecido asociativo no caso do atletismo, dentro do actual modelo deportivo español e galego, é baixo o ámbito municipal e non o universitario¨

Rematan solicitando tanto a Xunta como a Concello de Santiago que ¨… dirixan o seu esforzo orzamentario con carácter de máxima urxencia á homologación do Estadio de San Lázaro¨ ofrecéndose a entidade Federativa a ¨ desenvolver un convenio de colaboración co concello de Compostela para facilitar a xestión do estadio municipal, tal e como e fixo durante décadas no de Balaídos (Vigo)¨ 

Unha historia de despropósitos e esperpentos

A historia do Estadio de San Lázaro, rebautizado Verónica Boquete no ano 2018, comeza ca súa inauguración no ano 1993. Nesa época onde as grandes empresas da construcción facían o seu magosto baixo o amparo da ¨prosperidade do ladrillo¨ remataba a construción atlética máis importante de Galicia e unha das mellores do Estado con capacidade para albergar encontros internacionais.

Por aquel entón e sendo Presidente da FGA Sergio Vázquez e Secretario Xeral para o Deporte Eduardo Lamas decidiuse xunto ao Alcalde de Santiago Xerardo Estévez, solicitar unha competición que servira para inaugurar tan importante infraestructura, acordándose solicitar a RFEA nada menos que a celebración da Copà de Europa de Atletismo das Nacións. O citado evento que contaba con moitos pretendentes foi ao final concedido á capital galega por parte da Federación Europea de Atletismo.

A boa nova foi recibida cunha espectación e unha ilusión máxima por parte de todo o colectivo atlético galego. A resaca do enorme éxito organizativo vivido nos Xogos Olímpicos de Barcelona-92 ainda perduraba no ambente o que fixo que sen apenas tempo de celebrar tan importante noticia, comezaran de inmediato a organizarse equipos de traballo e xuntanzas intensas para perfilar as tarefas organizativas, máis ningún podía imaxinar o que estaba por vir.

Para poñernos en antecedentes, naqueles lonxanos anos noventa era algo común que os traballos de construcción foran entregados unha vez rematados, polo que as pistas de San Lázaro e seguindo as dinámicas existentes, foron postas a disposición dos seus propietarios sen contar co certificado de homologación. A Federación Galega que viña alertando de certas deficiencias, comprobaría de primeira man como as súas sospeitas convertíanse en tráxicas realidades ao recibir un informe desfavorable de homologación da instalación, o que obligou a renuncia da celebración da Copa de Europa apenas uns meses antes da súa celebración. A contralexo e a toda prisa, a RFEA tería que dar a cara ante o máximo organismo continental propoñendo in extremis a Valencia como a sede final quen acollería a cita os días 11 e 12 de xullo de 1994 e onde por certo, a Selección Española masculina lograría un meritorio triunfo. Ben fora por ese motivo ou outro, o caso e que a nosa comunidade pagaría as consecuencias de tan lamentable despropósito, estando durante varios anos sen recibir ningunha proba importante de calendario nacional, nunha lóxica consecuencia de perda de confianza que tempo despóis recuperaría con creces.

Desde aquel entón e sin que ningunha institución quixera asumir os sobrecustos que entrañaban as reformas para lograr a súa certificación de San Lázaro, o que estaba chamado a ser o principal Estadio de atletismo de Galicia e un dos mellores do Estado con capacidade para máis de 15.000 espectadores, converteriase na ´pista pantasma¨ cun bagaxe total de cero competicións oficiais dende a súa inauguración.

Por certo, sen pretender entrar no terreo das comparacións en exceso, apuntar que dous anos despois no ano 1996, Madrid solicitaba esta mesma competición para inaugurar o seu novo Estadio de La Peineta celebrándose a proba cun notable éxito organizativo… e con todo homologado.

Escrito da FGA e clubs de Santiago esixindo medidas en San Lázaro

Compartir: