Resultados

Subvencións a clubs deportivos 2021

Dende a Subdirección Xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, acaban de informar sobre os aspectos relacionados ca convocatoria de axudas para o 2021 que transcribimos integramente:

¨Considerado e avaliado o excepcional momento no que nos atopamos, estamos xa en disposición de adiantar os principais aspectos que terá en conta a convocatoria en orde a reverter e mitigar, no máximo posible, as consecuencias que a pandemia ven de ocasionar no tecido deportivo galego, elo sen prexuízo claro está, dos axustes que finalmente se deban de producir aos efectos da súa final publicación. Deben destacarse así, os seguintes aspectos:

1.   A convocatoria de axudas PR945C para 2021 estará dotada de 3.920.000 €, o que representa un incremento do dobre do orzamento deste ano 2020, e contemplará dúas liñas de actuación:

  • Liña de actuación I: gastos para o desenvolvemento da actividade deportiva ordinaria (1.920.000 €).
  • Liña de actuación II: implementación de medidas de seguridade e prevención no desenvolvemento da actividade deportiva oficial como consecuencia da COVID-19 (2.000.000 €).

2. A tramitación para a súa aprobación e publicación será anticipada, comezando esta mesma semana, polo que se prevé a súa publicación a principios do próximo mes de febreiro.

3.  Os gastos subvencionables da liña I corresponderán ao período equivalente ao ano natural do 2020 (01/01/2020 a 31/12/2020), igual que nas últimas convocatorias, e os gastos subvencionables da liña II corresponderán ao período comprendido entre o 12 de xuño de 2020 e o de 30 de xuño de 2021.

4. Tendo en conta a especial incidencia da COVID-19 na paralización das competicións deportivas,  os criterios de valoración atenderán aos resultados competitivos da entidade na tempada 2018/2019 ou 2019 –a anterior á pandemia–, de forma que a imposibilidade ou dificultade na actividade deportiva neste exercicio non minguará as posibilidades de acceso ás subvencións das entidades.

5. Como ven sendo habitual nesta convocatoria, os gastos a subvencionar serán os propios derivados da participación en competicións de carácter oficial: custes de licencias, seguros, inscricións, arbitraxes, transporte, etc. , sendo que a través da nova liña de actuación (a número II) os gastos a subvencionar poderán ser os derivados da adquisición de máscaras, luvas, xeles hidroalcohólicos e outros produtos de limpeza e desinfección, os derivados da realización de test de detección da COVID-19, así como outros gastos derivados da implentación doutras medidas de seguridade e de prevención da COVID-19, etc.

 Debe recordarse que esta convocatoria verase complementada neste exercicio 2021 cunha segunda convocatoria de axudas (PR949A) para a adquisición de equipamentos deportivos –dotada de 700.000 €–, que igualmente vai prever a adquisición de, entre outro material, o sanitario inventariable para a prevención da COVID-19 (mamparas, dispensadores de xel, termómetros, etc.)¨

 

 

Compartir: