Resultados en directo

Apertura prazo de presentación Axudas DGAN 2020

A Fundación Deporte Galego ven de publicar hoxe, 5 de outubro, no Diario Oficial de Galicia o anuncio da Convocatoria de Axudas a Deportistas Galegos de Alto Nivel 2020, baixo a denominación “Convocatoria de AXUDAS DGAN 2020”, e que se enmarca no plan de axudas á preparación dos/as deportistas galegos/as de alto nivel.

Esta convocatoria conta nesta ocasión con seis tipos de axudas: Axuda DGAN 1, Axuda DGAN 2, Axuda DGAN 3, Axuda DGAN 4, Axuda DGAN 5 e Axuda DGAN 6, que serán asignadas segundo os resultados deportivos que tiveras acadados durante o ano 2019 (non se valorarán resultados acadados en anos anteriores ou posteriores) e que a túa Federación Galega poida acreditarnos posteriormente á túa solicitude.

As devanditas bases desta convocatoria están á vosa disposición na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal e na web http://deporte.xunta.gal

O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá martes 6 de outubro e rematará o vindeiro martes 20 de outubro de 2020.

Como novidade da presente edición:

De cara a potenciar unha vez máis a colaboración con deportistas DGAN que compiten en modalidades/especialidades deportivas paralímpicas e de deporte adaptado, podemos destacar a instauración por primeira vez dunha nova liña de axudas a deportistas de apoio/deportistas guía (D.A.), naquelas modalidades/especialidades paralímpicas e deporte adaptado onde é necesaria a participación do deportista guía/apoio na propia competición.

Ademais, recordámosvos que, do mesmo xeito que na anterior edición, poderedes:

  • Solicitar axuda todos/as aqueles/as deportistas que esteades ou estiverades recoñecidos pola Secretaría Xeral para o Deporte coma Deportistas de Alto Nivel nalgún momento dos anos 2019 e/ou 2020 (aínda que a día de hoxe non estea vixente o recoñecemento).
  • Cursar a solicitude de axuda de forma telemática, ademais de manter a liña tradicional de presentación presencial en formato papel. Teredes á vosa disposición os formularios normalizados (anexos I e II) na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Poderedes utilizar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da propia Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365), habilitándose un enlace na Guía de procedementos e servizos co código PR961A (que estará dispoñible a partir de mañá, día martes 6 de outubro).
  • Presentar a solicitude en formato papel en calquera rexistro oficial polo que se poida achegar documentación ás Administración Públicas, tal e como se indica no apartado 5 das bases. No caso de efectuar a presentación da solicitude nun rexistro oficial diferente ao propio da Fundación Deporte Galego, as persoas deportistas solicitantes veranse obrigadas a comunicalo no mesmo día por correo electrónico ao enderezo da Fundación (fundaciondeportegalego.pr@xunta.gal), remitindo anexa a propia solicitude e a xustificación de presentación ou imposición, no que deberá figurar a correspondente data. O incumprimento do disposto no presente parágrafo implicará que, para todos os efectos, a Fundación considerará presentada a solicitude na data en que sexa efectivamente recibida no Rexistro da Fundación Deporte Galega.
  • Remitirnos unicamente cuberto o anexo I de Solicitude e, se fora o caso, o anexo II de Autorización de representación (menores de idade ou outros casos de representación legal).
  • Evitar acudir á túa Federación Deportiva Galega correspondente para que che cubran o certificado de resultados, pois o mesmo seralles solicitado directamente por parte da Fundación Deporte Galego.

Compartir: