Resultados

Galicia regresa con cinco medallas individuais dos nacionais absolutos

Dúas medallas de ouro, tres de prata e seis postos de finalistas, foi o resultado para as galegas e galegos que tomaron parte na edición número cen dos Campionatos de España Absolutos de Atletismo que estiveron marcados pola excepcionalidade.

Non resultaría esta celebración centenaria unha cita nada fácil. As medidas sanitarias e de seguridade marcadas, as distintas sedes de celebración, a altitude e un tempo moi caluroso engadiron moita dificultade a este importante evento. Da dureza do mesmo daría boa mostra os abandonos dos atletas Edymar Brea e Alex Fernández nos 5.000 m. así como da internacional Eva Arias nos obstáculos e a do subcampión de Europa Máster Carlos Morales nos 5.000 marcha. Mala sorte tamén para o internacional Elian Numa López quen quedaría descalificado na proba dos 800 m. Pior fortuna correría o luso con ficha por Galicia Abdel-Kader Larrinaga quen tivo que abandonar o concurso de combinadas logo de sufrir unha lesión nos 110 valos.

Con todo elo, chegarían as boas novas ca primeira das medallas que estaría protagonizada polo saltador olímpico Jean Marie Okutu quen lograba o subcampionato logo de ir en cabeza toda a proba e perder o título diante do asturiano Francisco Javier Cobián que saltaba no último intento a unha MMP con 7.79 m. privando ao marinense do que sería a seu sexto campionato.

A lanzadora internacional Irene Gómez lograba acadar posto de finalista nun irregular concurso de martelo onde só conseguía facer dous lanzamentos válidos sendo o mellor deles o primeiro con 52.23 m.

Outro dos momentos importantes producíase no circulo de peso onde a mundialista e plusmarquista galega Belén Toimil acadaba o seu tan ansiado primeiro título nacional ao aire libre absoluto despóis de efectuar un lanzamanto de 16.21 m. e impoñerse a Úrsula Rúiz por nove centímetros. Sen dúbida todo un premio a constancia e tenacidade da mugardesa.

Sen tempo apenas para dixerir, a terceira medalla ¨saltaba¨ a cargo de Saleta Fernández a cal e na colchoneta de altura non puido reter o título do ano pasado cedendo con 1.85 m. ante a levantina Cristina Ferrando quen saltaba dous centímetros máis.

Destacadísima a atleta venezolana con ficha galega pola Sociedad Gimnástica Joselyn Danyel Brea logrando o segundo lugar (sen dereito a podio) na final dos 5.000 m. cun rexistro de 16:12.54.

Mágoa para a saltadora de O Barco Leticia Gil quen non puido reeditar o bronce do ano pasado ao perdelo no último salto por once centímetros logo de ir en posición de medalla todo o concurso.

Na última proba do sábado e como colofón a marchadora internacional Antía Chamosa proclamábase Campioa de España por vez primeira en pista nun absoluto de 10.000 marcha cun tempo oficial de 48:35.20 e que fan dela xa todo un referente da marcha nacional do noso país.

A xornada do domingo comezaba para os nosos con Pedro Juncal competindo na final dos 400 m. onde ramataba oitavo con 48.39. Excelente papel tamén dos martelistas galegos cun Carlos Revuelta do Marathon ocupando un destacado 4º posto con 61.52 (MMT) e a dun novísimo e prometedor Yago Araujo do Celta quen lanzaba ata os 59.20 m. que lle daban un meritorio sexto lugar.

Non pasamos por alto o excelente comportamento no colectivo protagonizado por Mauro Triana quen formando parte do cuarteto de relevistas do Playas de Castellón, acadaría a medalla de ouro no relevo curto. Nesta mesma especialidade de relevos, o equipo feminino da Gimnástica de Pontevedra formado por Lucía Ferrer, Cristina Garrido, Claudia Torres e Xiana González, lograría un meritorio e salientable cuarto posto con 48.11

Por último e como colofón a asturiana de nacemento pero afincada en Galicia dende fai varios anos Menchu Sánchez lograba no seu último lanzamento no concurso de xavelina unha fabulosa medalla de prata con 45.24 m. reeditando o mesmo metal do ano pasado e conseguido para Galicia o quinto e definitivo metal destos campionatos.

En canto ao resto de participación,  Belén García do ADAS nos 400 valos con 1:05.71 e a subcampioa paramundialista Adi Iglesias do LUCUS Caixa Rural Galega nos 100 m. con 12.41 e nos 200 m. con 24.93 quedarían apeadas da final.

Tampouco conseguiron entrar na final David de la Fuente nos 800 m. con 1:51.66 (MMT), nin a galesa con ficha galega polo Marineda Angharad Davies nos 1.500 con 4:32.17 (MMP).  O internacional Mauro Triana do Playas de Castellon tampoco tivo o seu día non pasando das semis dos 200 m. con 21.61 o mesmo que Sergio Rodríguez do Surco con 22.45 (MMT). Nos valos curtos Lucía Ferrer da Gimnástica marcaba 15.22 sendo por último a internacional e campioa galega Uxía Pérez do Playas de Castellón, décima na proba dos 5.000 con 17:13.88.

Resultados

Foto de Juan Manuel García Rey (Ollo de Xan)

Compartir: