Resultados

33 anos daquel 5.000 m. de Aouita en Riazor

Corría o día 6 de agosto do ano 1986 cando no estadio de Riazor (hoxe tan só campo de fútbol) disputábase un dos grandes meetings de Atletismo, en concreto o “XXI Gran Premio Ciudad de A Coruña”.

Este tipo de eventos organizados por unha famosa empresa da época, percorría nos meses de verán as grandes cidades do noso país. Os cartos por aquel entón fluían con facilidade e as grandes figuras do atletismo mundial acudían a Europa, e en concreto a España, atraídas polas importantes sumas económicas que se manexaban e que nada teñen que ver cos tempos actuáis. Como consecuencia delo, os amantes do atletismo poidemos ver e disfrutar da presenza de grandes mitos do momento como Edwin Moses, Steve Ovett ou Said Aouita entre outros.

Sería precisamente este último atleta quen tal vez deixara unha maior pegada, xa que por aquel entón era a celebridade mediática do momento cun palmarés de campión olímpico de 5.000 m. nos XX.OO de Los Ángeles 1984, medallista de bronce de 1.500 nos Mundiais de Helsinki 1983 e plusmarquista mundial de 1.500 e 5.000 m.

A súa anunciada chegada a Coruña fixo que se creara unha gran expectación, acentuada polos rumores que falaban da posible renuncia por mor dunha lesión. Finalmente a mesma non foi impedimento para que chegando in extremis, poidera tomar parte no que sería unha das máis importantes, si non a que máis, proba atlética desenvoltas nunca na nosa comunidade.

Da capacidade e carisma do marroquí, fala o feito de que poidendo “cumplir” cunha marca discreta o seu compromiso de participación, protagonizaría un 5.000 m. de ensoño que a piques estivo de converterse en ser o primeiro de terse corrido por debaixo dos 13 minutos o que tería suposto rachar un rexistro mítico naquela época.

Un día de emocións

Os afeccioados/as recibirían ós participantes no 5.000 m. cunhas bancadas nunca vistas nunha proba de atletismo e cun público entregado dende o comezo. Xa na línea de saida, e con todo preparado, escoitábase a saida baixo un silencio atronador que daba paso, logo do disparo, a un intenso estoupido de berros de ánimo que lonxe de ir a menos, iría acrecentándose ó paso por cada volta. Co papel de lebre en mans do tunecino Fathi Baccouche quen tiña compromiso de ir en tempo de récord ata os 3.000 (2:34, 5:13 e 7:51) Aouita encaraba as últimas cinco voltas con miles de persoas animando e mirando de esguello o reloxo no que todo indicaba que podía ser posible estar vivindo unha cita ca historia á que todos querían contribuir. Co seu estilo natural, mistura de talento e traballo, pasaba o catro mil en 10.30 o que significaba que o último quilómetro tería que ser cuberto en menos de 2:30, azaña só ó alcance por aquel entón de quen estaba acaparando a admiración, entusiasmo e alguna que outra bágoa neses precisos intres.

Si hai algo que xamais lle faltou a este formidable atleta sería entrega e ambición, como a que amosou aquel 6 de agosto en Riazor onde correría o último mil en 2:31 dando todo nos últimos catrocentos metros  (que completaría en menos de 57 segundos) para rematar en 13:00.86 a mellor marca mundial de aquel ano e a terceira mellor da historia…todo un luxo.  Nesa mesma carreira foi segundo o portugués Antonio Leitao, 13:16.02, e terceiro o mexicano Arturo Barrios, 13:25.83. Un xa destacado por aquel entón Alejandro Gómez remataría sétimo con 13:42.16 (Récord de España Junior), sendo o décimo posto para Manuel García Gendra con 13:52.21.

A Golden Gala de Roma finalmente foi o lugar escollido pola historia para que unha noite do 27 de xullo de 1987 o noso protagonista rachara a barreira dos 13 minutos, rematando en 12:58.39.

O infamia institucional chega ás pistas 

O rexistro acadado en Riazor, sen lugar a dúbidas puxo as pistas coruñesas no mapa mundial onde a súa calidade quedaría manifesta tanto polo rexistro referido como polas propias palabras de Aouita  “Me habían hablado muy bien de esta pista, pero no creía que fuera tan magnífica. Yo pensaba hacer buena marca, pero no aproximarme tanto al récord. Aquí se pueda bajar de los trece minutos. Si tengo oportunidad y me invitan, volveré. El público, es muy entendido” Con todo elo, preto de dez anos despois, un ignominioso  acordo perpetrado polo Concello que entón dirixía Paco Vázquez e orquestada polo tamén entón Presidente da entidade de fútbol Augusto César Lendoiro, privaría a cidade das únicas pistas públicas cuxas consecuencias serían o máis fondo letargo do atletismo herculino durante varios lustros… pero esto xa é outro tema

Vídeo carreira Said Aouita na Coruña, 1986

 

 

Compartir: