Ana Peleteiro fai historia acadando un bronce no campionato mundial

Terían que pasar 18 anos daquela medalla de bronce acadada por Andrés Díaz nos 1.500 m. nos mundiais de Maebashi,  para que o atletismo galego reeditara, e mesmo mellorara, o logro máis importante da súa historia a nivel internacional en pista cuberta.

Dende a sua aparición polas pistas por vez primeira, a calidade natural de Ana Peleteiro non pasou desapercibida para ninguén. O excelente traballo levado a cabo nos primeiros intres da súa formación (quizáis o máis importante) por ese importante núcleo atlético existente no Barbanza, o traballo, o sacrificio e as apostas sempre arriscadas e difíciles pero positivas, obraron para que aquela nena de cualidades naturais excepcionais, acabara convertíndose pouco a pouco en toda unha realidade.

Xa no ano 2010 daría comezo o seu importante palmarés de triunfos nacionais co título de Campioa de España de triplo Sub-16 en pista cuberta, o que lle seguiría un ano máis tarde o seu debut internacional coa participación no Campionato do Mundo Sub-18 en Francia. Dende ese instante, a súa evolución ven de ser meteórica, sumando un importantísimo currículo do que o máis importante serían as medallas de bronce do Campionato do Mundo Xuvenil no 2011 e do Campionato de Europa Junior no 2013; a medalla de Ouro no Campionato do Mundo Xuvenil de Barcelona no 2012 e a de prata do Europeo Sub-23 no 2017, así como o posto de finalista no Campionato do Mundo de Londres do ano pasado, malia que sería nos Campionatos do Mundo de pista cuberta que se están a desenvolver na localidade británica de Birmingham onde se marcaría o punto de inflexión. O seu salto de 14.40 m. non só representa unha histórica medalla de bronce, nin tan sequera ter acadado unha mellora de nada menos que 18 centímetros a súa marca personal, representa todo un golpe de autoridade e unha tarxeta de presentación para anunciar que Ana Peleteiro chega coa madurez e calidade suficientes para facer realidade aquelas metas que tan só uns poucos anos eran auténticos soños.

 

Compartir: