Disputouse o Campionato Galego Cadete nas Pistas da Universidade
da Coruña coas vistas postas no Campionato de España de Seleccións Autonómicas que se celebrará en Zaragoza o 2 e 3 de xuño. Na xornada de mañá a pesar da chuvia puidéronse ver as mellores marcas
xa que pola tarde o vento impediu que os rexistros foran mellores. Non obstante Francisco Rodríguez do Club Riazor Coruña demostrou que pode converterse no futuro da velocidade en Galicia, onte en
semifinais batía o record galego de 100 m.l deixándoo en 11.22, pola tarde gañaría a final por diante de Dario Costas, que tamén mellorou a marca persoal. Nos 100 valos, este mesmo atleta Francisco
Rodríguez, que en inverno xa correra os 60 m.l en 7.36 en Oviedo, vencía con 14.92 (+2.1). Nos 300 m.l o vento na contrameta á hora da final impediu que Alfonso Pérez e Hector Rivas que en
semifinais correran rápido, mellorasen as súas marcas, a vitoria foi para o primeiro con 38.12. Disputadísima foi a última proba da xornada, os 600 m.l no que o favorito Pablo Loureiro do Ria
Ferrol gañaría cun bo rexistro de 1.28.81 por diante de Alfonso Pérez, vencedor dos 300 m.l, que fixo 1.28.89. Nas probas de fondo, os 1500 metros obstáculos foron dominados dende o inicio por Iván
Manso, do Club Franciscanos de Lugo, nos 3000 m.l nunha carreira lenta no seu inicio na que ningún atleta se decidía a tirar o duelo entre os favoritos Tariku Novales e Miguel González decantouse a
favor deste que foi marcando o ritmo no ultimo quilómetro despegando a Tariku uns metros ao toque de campá o que lle valería para vencer na proba. Nos 1000 m.l vimos unha proba con numerosa
participación e cun ritmo forte dende o inicio, o grupo de cabeza pasou o 500 en 1.19 o que fixo que practicamente todos os atletas lograsen as súas mellores marcas da tempada, a vitoria foi para
Adrián Lago con 2.41.43 seguido de Adrián Ben e Sergio González. Na marcha un único atleta rematou a proba, o favorito á medalla de ouro, Daniel Chamosa do Club Atletismo Cuntis. Excelente nivel
dos lanzamentos na categoría masculina, especialmente en peso, disco e martelo, que coas marcas obtidas neste campionato os nosos lanzadores se colocan, nos primeiros postos do ranking nacional.
Francisco Michinel con 14.00 metros gañaba a proba do lanzamento de peso, Andrés García con 47.53 o disco e Víctor Pérez con 48.61 o martelo, a proba de xavelina gañouse cun mellor lanzamento de
Antonio Fraga con 40.81. En altura Dario Costas, segundo nos 100 m.l, vencía con 1.75, a lonxitude Antón López con 5.54, o triplo salto José Manuel Fernández con 11.70 e a pértega Sergio García con
2.82.
En canto ás mulleres, Claudia Rojo, Laura Chapela e Eva Doporto lograban vitorias en dúas probas. Nos 100 m.l Laura Chapela nas semifinais lograba a súa mellor marca persoal con 12.66 na final
lograría correr en 12. 55 pero este rexistro sería con vento ilegal de +3.00. Na final dos 300 m.l esta mesma atleta impoñeríase á favorita, Noa Rouco, nunha proba na que de novo o vento contrario
na contrameta impediu mellores rexistros. A atleta do Ria Ferrol, Claudia Rojo que a principios de maio lograba nestas mesmas pistas correr en 46.05 gañaría as dúas probas de valos con claridade,
os 300 metros valos con 47.25 e os valos curtos con 15.45. Nas probas de 600, 1000 m.l e 3000 m.l non houbo sorpresas e as favoritas venceron nas súas probas. Na carreira de 600 m.l como nos ten
afeitos, valente dende os primeiros metros Ángela González gañaba con 1.39.45 sendo segunda Inés Vázquez. Nos 1000 m.l dous atletas distanciáronse nos primeiros 300 metros dos seus rivais, Uxia
Pérez e Laura Santos, gañando a primeira que este ano con 2.58.26 logrado en Vigo no mes de abril situouse entre as mellores da proba a nivel nacional. Carmen Martínez gañaba os 3000 m.l con
10.56.83 que é a súa mellor marca persoal. Nos 1500 metros obstáculos, sete atletas tomaban a saída, entre elas Ángela Fernández que era claramente superior xa que coa mínima para o Campionato de
España lograda en Pontevedra o 5 de maio presentabase neste campionato co obxectivo de vencer na proba, non defraudou e cruzaba a meta en 5.40.30. Expectación nos saltos para comprobar o estado de
forma de Iría Forján e a súa compañeira Graciaa Rey, o vento contrario impediu que se visen bos rexistros, Iría gañaba cun único salto válido a lonxitude con 5.01 e Graciaa o triple Salto con
10.64. En salto de altura Saleta Fernández igualaba a súa marca lograda en Ourense na Liga de Clubs saltando 1.60 sendo segunda con 1.58 Alexia Vidal. Laura Meira do Club San Narciso gañaba a proba
da pértega con 2.12. Nos lanzamentos a protagonista foi Eva Doporto que con 29.87 e 44.86 gañaba o disco e o martelo, en peso vencería a atleta do Narón Maria Rodríguez e a xavelina Mireia Hidalgo.
Na marcha a gañadora sería Carmen Fuentes con 15.38.30 e segunda Maria Abeledo con 15.54.35.
En resumo un bo Campionato Galego no que o vento na xornada de tarde impediu mellores rexistros pero no que se puideron ver marcas importantes e quedou demostrado que Galicia pode presentar unha
boa selección para disputar o Campionato de España. Resultados