Resultados

Hassan Lekhili e Rafaela Almeida proclámanse campións da XIII Medio Maratón Vig-Bay

Dos máis de 4000 atletas que se deron cita hoxe nunha das Media Maratóns mais importantes de España dous atletas foron os elexidos para impoñerse nesta competitiva proba, que contou un ano mais ca presenza de destacados atletas galegos e portugueses. Hassan Leikhili do Ourense Atletismo Academia Postal cruzou a meta nun tempo 1.05,29, seguido de Akka Essadoui e Gustavo Platas (segundo e terceiro ,respectivamente). No trocante a carreira feminina, a portuguesa Rafaela Almeida impúxose a súa compatriota Fernanda Miranda e a galega María Jesús Gestido, que terminou a proba en terceira posición. (Resultados) (ir a noticia ampliada)

A Media Maratón Gran Bahia Vig Bay é un referente deportivo no calendario atlético autonómico. Nesta ocasión celebrábase a súa décimo terceira edición con record de participación. A mañá recibía os atletas co ceo cuberto a primeira hora, boa temperatura e un ambiente excepcional dende o momento da recollida dos dorsais. Entre os atletas inscritos destacamos a numerosa participación de atletas portugueses, aproximadamente 300 e atletas de distintas nacionalidades: franceses, italianos, suízos e alemáns. A organización impecable especialmente na atención aos atletas ao longo dos 21.097 metros da proba con varios puntos de avituallamento de auga e de esponxas.
A saída programada ás 10.30 realizábase con enorme puntualidade na Avenida de Samil. No quentamento previo obsérvase a participación de atletas galegos importantes, principalmente Pedro Nimo, Maria Jesús Gestido, Carlos Villamor, Daniel Bargiella, Gustavo Platas, Esther Pedrosa ou Elias Domínguez.
No palmarés da proba masculina un nome propio, Hassan Lekhili, vencedor nas dúas últimas edicións, hai que remontarse ao ano 2009 para encontrar un atleta autonómico no primeiro caixón: Elias Domínguez. En categoría feminina no ano 2010 vencería a lucense Maria Abel sendo a atleta portuguesa Doroteia Alves a vencedora o ano pasado por diante de Soledad Castro.
Nesta edición o duelo entre Pedro Nimo, inmerso na preparación do maratón de Paris, e Hassan Lekhili, vencedor en numerosas das probas do panorama atlético galego, parecía estar servido. Dende o inicio catro homes distáncianse dos seus rivais, os mencionados Nimo e Lekhili acompañados de Akka Essadaqui e Carlos Villamor. Os primeiros quilómetros transcorren nos arredores da Praia de Samil, tras o cuarteto de cabeza outro grupo con homes importantes como Daniel Bargiella, Elias Domínguez, Juan Pena e algúns dos atletas portugueses máis destacados. En féminas a lusa Rafaela Almeida tamén pon un ritmo forte dende o inicio que lle permita tomar certa distancia sobre o resto de favoritas.
A enorme participación de atletas obsérvase nos primeiros quilómetros que transcorren nun circuíto urbano antes de continuar en dirección á Praia da Sirenita, aproximadamente no quilómetro cinco. Na primeira pendente da proba, Villamor e Nimo marcan o ritmo, pegados a eles Hassan Lekhili e Akka Essadaqui. Entre a Praia de O Vao e Canido, Carlos Villamor cede terreo, os outros tres atletas prosiguen a un ritmo por debaixo de 3.07 o quilómetro. O seguinte en ceder sería o marroquí Akka antes de chegar ao quilometro 8. A partir de aquí, o compostelán e o marroquí Hassan parecía que volverían revivir o duelo do ano anterior no cal Pedro Nimo, a pesar de vir dunha longa lesión, vendeu cara a súa derrota. Os quilómetros 9 ao 15 daban unha tregua a todos os participantes xa que superadas as pendentes iniciase unha zona de baixadas. Hassam aumenta o ritmo descolgando a Pedro Nimo que continua a uns 10 segundos da cabeza por detrás Akka corre tamén en solitario. No quilómetro 15, Pedro Nimo con molestias nun pé e pensando no seu obxectivo do maratón o 15 de abril, decide abandonar. Nestes momentos en homes o terceiro posto pasa a ocupalo Gustavo Platas, seguido de preto por Juan Bueno, tras eles un trío formado por Villamor, Elias Domínguez e Juan Pena.
Na proba feminina as distancias xa parecen irrecuperables, sendo primeira Rafaela Almeida, segunda a súa compatriota Fernanda Miranda e en terceiro lugar Maria Jesús Gestido, que na edicion do ano 2010 fora terceira.
Nos últimos quilómetros Hassan limitouse a conservar a distancia que lograra, que sería suficiente para vencer por terceiro ano consecutivo na meta situada en Baiona, Akka realizou dous últimos quilómetros sensacionais para concluír a 20 segundos de Lekhili, en terceiro lugar e primeiro atleta galego Gustavo Platas cun tempo de 1.07.40, cuarto do Club Atletismo Marcote Juan Bueno. A continuación irían entrando Elias Domínguez, Juan Pena, José Antonio Ramallo e o primeiro dos portugueses, Tiago Marques.
Na proba feminina vencería Rafaela Almeida cun tempo de 1.16.46, a portuguesa gañara no mes de Outubro a Carreira Pedestre de Santiago, nesta ocasión dende o inicio despegouse dos seus rivais a un ritmo por debaixo de 3.42 o quilómetro. O segundo posto sería para outra atleta portuguesa asidua nas carreiras galegas, Fernanda Miranda vencedora o fin de semana pasado na Carreira Popular San Xosé en As Pontes. Nesta décimo terceira edición do maratón Vig Bay o terceiro posto lograríao a excepcional atleta galega Maria Jesús Gestido cun tempo de 1.18.48 seguida de varias atletas portuguesas, no posto oitavo entraría Esther Pedrosa mellorando o tempo realizado o ano pasado, nesta ocasión rematou en 1.24.06
Destacamos tamén a carreira realizada por Manuel Martínez Ageitos que cun tempo de 1.13.41 sería o primeiro atleta da categoría promesa en cruzar a liña de meta.
Cada ano o listón está máis alto pero a organización e os atletas continúan situando esta proba entre as preferidas tanto a nivel popular como entre os mellores atletas autonómicos ou estranxeiros. O apoio do público é incuestionable especialmente nos últimos quilómetros que levan a Baiona, como noutras edicións moitos dos participantes optaron por rematar a xornada dominical dándose un baño na praia ou sinxelamente recuperándose do esforzo na auga para a continuación coller os autobuses, postos pola organización. para regresar ao punto de partida, a Praia de Samil.

Compartir: